coluna sanfins 1936-2016

Homenaxe á Coluna Sanfins. 80 anos - 30 de Outubro de 2016. A memoria da loita en defensa da liberdade.

A Coluna Sanfins

En xullo de 1936, un numeroso grupo de traballadores das minas de San Fins, en Lousame, foron protagonistas da resistencia ao golpe militar fascista na provincia da Coruña. Dende as minas de Vilacoba transladaronse a Noia, despois a Compostela, mais tarde a Ordes e finalmente Á Coruña, tentando facer fronte aos militares que se ergueran contra a II República. En combate con tropas regulares con armamento e preparación militar, os sindicalistas da CNT de San Finx só contaban coa dinamita que usaban no seu traballo de mineiros e, malia todo, foron quen de manter a resistencia por varios días e recuperar parte da cidade da Coruña nos combates polas rúas. Unha vez derrotados unha boa parte deles aínda formou parte das iniciativas de resistencia aos militares alzados, tanto nas tropas republicanas como máis tarde nas organizacións clandestinas e na guerrilla antifranquista.

O Grupo de Memoria Histórica da CNT naceu para reivindicar a lembranza dos milleiros de homes e mulleres que na Galiza participaron nas iniciativas rebeldes e reivindicativas do movimento libertario. É por iso que non hai xeito máis acaído de iniciar o noso traballo que con esta publicación sobre aqueles mineiros de Lousame, que representan con fidelidade todo un exemplo de combatividade e consecuencia libertaria.

A resultas do seu combate moitos deles foron asasinados, padeceron o cárcere, a represión e a persecución, mais parécenos moi importante esquecer en certa medida o seu carácter de vítimas para chamar a atención sobre o seu elevado exemplo de rebeldía e reivindicación. Non desexamos lembrarnos do pasado para doernos dos padecimentos das persoas que sofreron a represión franquista, senón para remarcar os ideais e os combates que fixeron deles homes e mulleres perseguidas. Para erguer tamén a súa memoria como exemplo das posibilidades do traballo mancomunado de homes e mulleres a prol dunha nova organización social, sen amos nin escravos, sen pastores nin rebaños.

A memoria da Columna Sanfins é tamén a memoria das xentes de Noia, Compostela, Ordes, A Coruña e de toda Galiza, que participaron na resistencia ao golpe militar: mineiros de A Pontenova e Viveiro, carrilanos de Verín e A Gudiña, traballadores pesqueiros de todo o litoral, o operariado organizado de Ferrol, Vigo, Lugo, Monforte, Vilagarcía ou Tui, e o campesiñado rebelde de todo o país. Vaia este texto como unha primeira pedra no esforzo por recuperar a súa historia e a súa memoria, como base para o traballo de reedificar unha cultura reivindicativa e libertaria na nosa terra. Grupo de Memoria Histórica da CNT da Galiza

capa livro coluna sanfins

Lorena Cuevas e Eliseo Fernández, autora e autor dos textos e membros do Grupo de Memoria Histórica da CNT, presentan este traballo no 80 aniversario do combate da Coluna Sanfins pola liberdade, o primeiro dunha colección que pretende tirar do esquecemento moitas das historias de combate, morte e represión que aínda continúan silenciadas.

Xornada homenaxe

30 de outubro: Homenaxe á Coluna Sanfins, na escola-museu das Minas

Programa do día

  • 11h: Palestra «O papel dos mineiros en Lousame, na Barbanza e na Galiza»
    e presentación do libro
    Con Xerardo Agrafoxo, Pepe Sendón, Joám Evans, Lorena Cuevas e Eliseo Fernández
  • 13h: Descoberta do monumento á Coluna Sanfins
  • 13h30: Música a cargo de Nota Bene
  • 14h: Xantar e convivio
  • 16h: Roteiro libertario polas minas de Sanfins

Crowdfunding

Para desenvolver esta homenaxe pedimos-vos o voso apoio para a elaboración e colocación do monumento á Coluna Sanfins, edición do libro «Breve Historia da Coluna Sanfins» e todas as actividades relacionadas.