Prensa obreira

BULBO S.L. explota aos traballadores

BULBO S.L. explota aos traballadores
A empresa BULBO S.L., subcontratada por NAVANTIA, ven de despedir a un traballador por encontrarse de baixa por enfermidade. Despois de presionalo para que pedira a alta, cando este traballador se reincorporou, foi despedido, aproveitando as facilidades que a lexislación concede aos empresarios para efectuar este tipo de actuacións.

A Confederación Nacional do Traballo (CNT), sindicato ao que está afiliado este traballador, personouse na empresa para pedir a súa readmisión. Mais a empresa negouse a readmitilo, aceptando implicitamente que o motivo da baixa non era outro que a enfermidade padecida polo traballador.

Este despido é un máis dos abusos que BULBO S.L. comete contra os traballadores: deficiencias na seguridade laboral, falta de roupa de traballo e elementos de seguridade, impagos na percepción de horas extras, e un longo etcétera.

As irregularidades das compañías auxiliares, co beneplácito de NAVANTIA e a indiferencia de moitos compañeiros, son cada vez máis descaradas, dende as últimas prexubilacións. Só a solidariedade dos traballadores e traballadoras pode evitar a consumación deste despido e a impunidade da que gozan NAVANTIA e as compañías auxiliares.

Confederación Nacional do Traballo

CNT