Enquisa HostaleríaDigna

A CNT demanda a EXTERNA SERVICIOS por despedimento

 

  • O traballador estaba contratado en fraude de lei e foi despedido ao negarse a facer horas extras e tras a emisión dun informe médico sobre as lesións que sufrira nun accidente
  • As cantidades adebedadas pola empresa sobrepasan os 3000 euros

A CNT interpón unha demanda por despedimento contra a empresa de servizos Externa, empresa que non ten outra actividade que a de fornecer traballadores temporais a outras empresas, neste caso á conserveira ISIDRO DE LA CAL.

O traballador estaba contratado mediante un contrato de obra, sendo segundo a central sindical “manifestamente fraudulento, pois en realidade estaba a cubrir necesidades estruturais da empresa, polo que o contrato debía terse realizado por tempo indefinido”. Entre outros incumplimentos, tampoco se respectaba o salario sinalado no convenio colectivo pois “pagábanse 900 euros redondos, sen ningún pudor á hora de intentar ocultar a ilegalidade, cando en realidade o salario debería ascender a uns 1200 euros mensuais“, comentan na CNT.

Para alén disto, tras sufrir un accidente polo que estivo de baixa, o traballador incorporáse ao seu posto de traballo cun informe emitido pola mutua FREMAP, no que se indica, textualmente, “pode traballar, pero debe evitar a carga de pesos excesivos”. Así, o despedimento prodúcese ao serlle entregado este informe á empresa, que extingue o contrato de traballo “por causas organizativas e produtivas” alegando o descenso de produción na empresa en distintas liñas.

Con todo, segundo a CNT, “non se achega a máis mínma proba xustificación desta redución de produción, nin argumento de ningún tipo sobre a elección de dito traballador para der despedido cando, paralelamente, a empresa si que recolocou noutras liñas de produción ao resto de traballadores na mesma situación”. Por todo isto a CNT califica o despedimento como “represivo e discriminatorio”.

A CNT considera fundamental a loita sindical para “acabar con estas prácticas empresariais abusivas e ilegais” e denuncia “a existencia de empresas multiservizos que non teñen outra finalidade que traficar con man de obra, o que supón un aumento da temporalidade dos contratos desde bases ilegais e fraudulentas e, así, a extensión da precariedade laboral”.