Enquisa HostaleríaDigna

O Tribunal Supermo declara nulos os despedimentos do profesorado interino en verán

 

O Tribunal Supremo vén de declarar, a raíz dunha demanda presentada na Comunidade Autónoma de Murcia, a nulidade dos despedimentos do profesorado interino non universitario que, con data de 30 de xuño, se producen todos os anos.

A sentenza establece que esta práctica expón “sen ningunha dúbida a desigualdade de trato do profesorado interino” e que os ceses a data de 30 de Xuño vulneran “o principio de non discriminación que debe rexer a contratación no sector público”.

Asemade, a mesma sentenza incide en que esta práctica acarrexa “consecuencias nada desexables para a preparación do profesorado e para a máis eficaz prestación do servizo educativo”, o que implica unha razón máis do empobrecemento do sistema educativo que trae consigo a aplicación das políticas liberais e, segundo o sindicato CNT “a forma en que a precarización das condicións de traballo ten sempre un efecto negativo na calidade dos servizos públicos que desfruta a poboación”.

Os servizos xurídicos da CNT Galiza veñen de avalar que dita sentenza pode ser empregada para o caso do profesorado interino da Galiza, cuxa situación é equivalente, polo que a central anarcosindicalista porá en marcha unha campaña de denuncia que terá como fin “conseguir a nulidade dos ceses no periodo de verán do profesorado interino galego” e acreditan que dita acción “suporá un incremento da estabilidade laboral, do mesmo xeito que o farán os procesos de consolidación e estabilización que se están a denunciar desde a CNT”. O sindicato lembra a importancia da denuncia destas situacións, e ponse a disposición do profesorado que queira interpoñer as correspondentes demandas.