Enquisa HostaleríaDigna

A CNT lanza unha campaña pola Hostalería Digna

 

  • A CNT presenta unha campaña de información e concienciación pola Hostalería Digna.
  • No marco da campaña, realizaránse dous actos públicos: a presentación do libro de Patricia Janeiro "Manual Básico de Hostalería" e a charla de Carlos Criado sobre os efectos nocivos do turismo masivo en Compostela.
  • Se traballas ou traballaches na Hostalería recentemente, invitámoste a cubrir a nosa enquisa de forma anónima.

  A hostalería na cidade Compostela, vinculada fortemente ao turismo e ao ocio do estudantado, é un sector que xera unha enorme cantidade de diñeiro, pero tamén que as condicións laborais nos pubs, bares, restaurantes e hoteis son das máis precarias da cidade.

 O deseño da cidade como receptor permanente de turismo, a declaración de patrimonio da humanidade, as festas e o ocio universitario xeran un enorme beneficio para as empresas, pero isto non redunda na mellora da situación das condicións laborais. Xornadas de até 60 horas semanais, impago de horas extraordinarias ou nocturnas, descansos insuficientes, ausencia de vacacións, contratos realizados por tempo de traballo ou en categorías inferiores aos realmente realizados, falta de cotización á Seguridade Social, despedimentos fulminantes... estes son apenas parte dos abusos cotiáns que se sofren na hostalería.

 A pesar de que a precariedade está tan normalizada no sector, o convenio colectivo recolle unha serie de dereitos que moitas veces non son coñecidos polos traballadores e as traballadora da Hostalería. Este descoñecemento e a falta de organización provocan que poidan perpetrarse estes abusos e que sexa moi difícil mellorar as condicións laborais do sector.

 Desde a CNT poñemos en marcha una campaña de información sobre que dereitos temos, e de asesoramento sobre a forma de actuar e organizarse para defendelos e amplialos.

SABIAS QUE...

...so podes estar contratad@ de forma temporal durante 12 meses nun período de 18 meses?
Se xa é bastante común que a temporalidade del contrato non estea xustificada, ou que estea mal establecida, ademais non podes estar contratado máis de 12 meses de forma temporal. Nese caso o contrato convértese automaticamente en indefinido. Ademais, hai unha porcentaxe obrigatoria de contratos fixos que as empresas deben respectar.



...o período de proba do teu contrato non pode ser superior a uns días?

Por se cabe algunha dúbida, durante ese período de proba debes ter contrato. Sabemos que é común traballar sen alta na Seguridade Social en base a un suposto período de proba durante o cal non se recibe remuneración. Pois isto non é legal. O contrato debe facerse desde o primeiro día e debe aparecer o período de proba, que non pode ser superior a 15, 30 ou 45 días en función da categoría e do tipo de contrato.



...a túa xornada máxima é de 40 horas e as horas extras habituais están suprimidas?

A pesar de que a realidade non concorde con esta afirmación, a xornada máxima é de 40 horas semanais e, todo o que exceda, debe de abonarse como hora extra. É dicir, se xa estás a realizar xornadas de máis de 40 horas semanais (ou máis das que veñen estipuladas no teu contrato) han de abonarchas cun incremento do 25%, a pesar de que o costume sexa que non as paguen ou o fagan ao prezo dunha hora ordinaria. As horas traballadas en horario nocturno tamén se deben pagar con este incremento do 25%.



...hai tres pagas extraordinarias anuais?

Si, tres e non dúas como na maioría dos sectores. Estas pagas consisten nunha mensualidade completa de salario e débenchas abonar nos meses de Xullo, Setembro e Decembro, ou ratealas mensualmente.



...ti tamén tes dereito a conciliar a túa vida laboral e persoal?

Tes dereito a coñecer o teu horario por adiantado mensualmente e non poden chamarte dun día para outro dicíndoche cando tes que ir traballar, a descansar 12 horas entre xornadas e a un descanso de 15 minutos se traballas máis de cinco horas. Ademais, tes dereito a unha serie de permisos por matrimonio, enfermidade de familiares e outros motivos.



...debes descansar un día e medio á semana?

Tes dereito a un día e medio libre cada semana, e o seu desfrute debe ser de forma continuada. Ademais, se fas xornada continuada tes dereito a dous días libres á semana. Tamén tes dereito a dous días de asuntos propios ao ano que podes desfrutar sen dar ningunha explicación á empresa.



...tes un mes de vacacións?

Si, aínda que pareza unha broma tes dereito a 30 días de vacacións, que podes desfrutar en períodos mínimos de sete días. E si, durante as vacacións segues a estar contratad@ e cobrando.



...o uniforme non o tes que pór do teu peto?

Tes dereito a dous uniformes, un para inverno e outro para verán, e ademais deben abonarche un plus mensual en concepto de limpeza e mantemento. Acabouse iso de pór o uniforme do teu peto.

 

Para defender estes dereitos e conseguir outros novos, para traballar con dignidade os traballadores e traballadoras da Hostalería necesitamos coñecelos e organizarnos para defendelos.

Desde a CNT cremos que isto debe facerse desde sindicatos eficaces na defensa dos nosos dereitos. Un sindicalismo participativo, onde todos e todas decidimos, autónomo e independente de empresas e institucións, financiado pol@s propi@s traballador@s, e sobre todo que se envorca na defensa de cada afiliad@ desde a solidariedade e o apoio mutuo.

Practicamos un sindicalismo baseado na implantación real da nosa afiliación nas empresas a través de Seccións sindicais (non participamos nas eleccións sindicais nin nos comités de empresa). As Seccións sindicais dispoñen da capacidade legal para desenvolver calquera actividade sindical e xurídica. Cremos no deseño de estratexias como factor clave para desenvolver conflitos sindicais con éxito, e proporcionamos asesoría sindical e xurídica gratuítas para a afiliación.

Sabías que moitas veces o non significarse, non denunciar ou reclamar non só non te protexe senón que facilita o teu despedimento?
Sabías que a lexislación laboral protexe a quen demanda ou a quen realiza actividade sindical establecendo a nulidade dos seus despedimentos ou calquera outra medida que se tome como represalia?