Enquisa HostaleríaDigna

A CNT demanda ao Concello de Pontevedra

 

  • O sindicato ven de interpoñer unha demanda contra o Concello de Pontevedra por adebedarlle a un bombeiro miles de euros.

 Coma ven sendo habitual, a situación das persoas que traballan na prevención e extinción de incendios en Galiza sofren as consecuencias dunha administración deficiente e que trata de mercantilizar ao máximo aos planteis que defenden a nosa terra. Por outra parte, non hai que esquecer que o lume é un negocio e que canto máis se abaraten os costes dos recursos humanos, mellor para as empresas que forman parte do sector.

 Neste caso, o Concello de Pontevedra adebeda miles de euros a un bombeiro ao non pagarlle durante os periodos de vacacións os complementos de nocturnidade ou festivos. É público e notorio que a nocturnidade e o traballo en festivos non supón unha circunstancia extraordinaria na prestación de servizos dun bombeiro senón que son unha variable constante e inherente no seu réxime de traballo normal; unha penosidade permanente e obrigada, que non ten relación coa productividade nin con outras variables, e que polo tanto deben ser retribuídas conceptualmente como salario, tamén en períodos de non prestación de servizos (vacacións, permisos retribuídos, etc). Ademais, debe partirse de que, no que respecta ós períodos vacacionais, todo funcionario debe cobrar o mesmo salario que traballando. En suma, nocturnidade e traballo en festivos forman parte intrínseca da prestación de servizos dun bombeiro e deben ser recoñecidas e aboadas, xa que non se trata de conceptos salariais circunstanciais ou extraordinarios.

 Novamente, a CNT volve a ser unha ferramenta na loita contra a precariedade onde outros sindicatos, maioritarios no sector, din que non se pode facer nada. Segundo indican na central sindical «na CNT rexeitamos as subvencións, polo que soamente tomamos decisións baseándonos no interés da clase traballadora, sen coaccións políticas e sen medo a que nos corten a financiación; iso é o que nos distingue».