Jornadas Libertárias

8M: folga xeral feminista

Piquete da CNT constata a fraude dos paros de duas horas

 

Os piquetes organizados pola CNT informan en Compostela durante toda mañá sobre a xornada de folga. Focalizado nun sector económico importante do centro compostelano como é o comercio e hotelaria, este piquete comezou na Praza do Pan ao inicio da mañá e está a percorrer todas as ruas para informar as traballadoras dos seus direitos para aderiren á folga.

 Neste sentido, o piquete confirma o éxito do seguimento da folga, constatando que «case non hai mulleres en puntos de consumo e comercios». Contodo, está a verificarse a «esquirolaxe masculina», isto é, «traballadores están a cubrir as suas compañeiras impedindo o feche dos comercios e pare o consumo». Por iso, o piquete da CNT salienta que é preciso «parar a produción, que as compañeiras adiran á folga e que os compañeiros asuman os coidados» para facilitar que as mulleres participen nas convocatorias.

 Nun contexto en que a desinformación foi utilizada como arma nos últimos días por parte de patronal e CCOO-UGT e, inclusive, sindicatos como a CIG, para desmobilizar as persoas e boicotar a greve, o papel dos piquetes está a se revelar de grande importancia e, sen dúbidas, efectivo.

Destaca o piquete da CNT que a convocatoria dos paros de dúas horas, por parte de CCOO-UGT e CIG, é unha armadilla coa cal se está a promover o consumo, un dos eixos dos catro desta convocatoria do movemento feminista (xunto coa laboral, estudantil e de coidados). Así, frente á folga de 24h que convocou o movemento feminista e que sindicatos como a CNT acolleron, a convocatoria de paros de 2h está a implicar un «problema que nos encontramos no comercio, porque hai moita xente consumindo, o cal é inconciliable. Non se pode apoiar a folga de consumo cando a túa convocatoria laboral é só de 2h, porque o resto do día están a fomentar o consumo porque dicen que os comercios teñen que abrir».

Para o sindicato CNT é indicativo o grande traballo feito por patronal e CCOO-UGT na boicotaxe, que non é mais do que unha mostra do potencial do movemento feminista e os riscos que plantexa para os sectores privilexiados.

A CNT mantivo reunións con diferentes grupos parlamentarios para transmitir as súas reivindicacións, salvo co grupo parlamentario do BNG, que non respondeu á petición, así como coa Confederación de Empresarios Galegos, que tampouco accederon a negociar, posteriormente mostrando o seu rexeitamento á folga porque «afectará a la producción y prestación de servicios de las empresas».