A CNT constitúe sección sindical na AMTEGA

Amtega

  • A CNT constitúe sección sindical na AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta de Galicia).

 

A sección nace para ser unha ferramenta de loita das traballadoras e traballadores na AMTEGA, a través da que canalizar as demandas e reivindicacións específicas do persoal informático da Xunta de Galicia. O plantel afiliado ten o convencemento de que a estrutura de sección sindical é moito mais forte e eficaz que o modelo representativo, ademáis de ser verdadeiramente horizontal. Toda a afiliación ten o mesmo poder na sección, sen distincións nin xerarquías.

 Desde a sección anímase ao resto de traballadoras e traballadores tanto da AMTEGA como da propia Xunta de Galicia a achegarse ás seccións sindicais da CNT, participar delas e avanzar cara unhas mellores condicións laborais en materias que repercutan tamén nunha mellor atención á cidadanía.

A sección salienta que están «orgullosos de pertencer ao sector público» polo que reivindican «a importancia do noso traballo e das nosas condicións para desenvolvelo». Asimesmo, aspiran a ser escoitados e tidos en conta e a «xerar contextos de traballo onde podamos sacar o máximo rendemento baixo o respecto aos nosos dereitos».

 

Comunicado da sección sindical da CNT en AMTEGA

 

POR QUE UNHA SECCIÓN SINDICAL

A nosa implicación co servizo na Xunta de Galicia, despois de moitos anos traballando, levounos a nos decidir a constituír una Sección Sindical. Asumindo a nosa responsabilidade como traballadores e traballadoras, e como parte fundamental do servizo público, o noso obxectivo é crear unha canle oficial para que todas as nosas reivindicacións e suxestións de mellora repercutan en positivo e poidan ser tidas en conta por parte da Administración.

 

Día a día, lidamos co traballo, polo que consideramos que temos moito que aportar para mellorar as condicións nas que o desenvolvemos. Queremos seguir colaborando e crecendo nesa liña xa que o noso compromiso coa cidadanía á que servimos é máximo. É por isto polo que a todos e todas as que sintades o mesmo que nós e creades que tedes moito que aportar, invitámosvos a formar parte da Sección Sindical.

 

A NOSA FERRAMENTA

Na CNT practicamos un sindicalismo baseado na implantación real da nosa afiliación nas empresas a través de Seccións sindicais (non participamos nas eleccións sindicais nin nos comités de empresa). Este modelo organizativo respecta a toma de decisións por parte dos traballadores/as, sendo o suficientemente flexible para adaptarse ao entramado administrativo galego.

A Sección Sindical trata coa empresa a través dun representante elixido pola mesma asemblea co fin de tratar as demandas da Sección. Esta persoa, a diferencia dos delegados do comité de empresa, non ten privilexios que o distingan do resto. A través da sección a reivindicación dos intereses e a defensa dos dereitos faise directamente, sen intermediación. Así temos a garantía de que nunca se asinarán modificacións das condicións de traballo ou calquera outro pacto sen a nosa vontade e nunca se fará unha negociación ás nosas costas. Os pactos que acade a Sección Sindical só se aplican ao persoal que forma parte dela, se ben calquera traballador ou traballadora da empresa pode adherirse a eles.

 

QUE É A CNT

A CNT é unha organización sindical independente (non vinculada a partidos políticos) e  autoxestionaria (non recibimos subvencións de ningún tipo) á que pode pertencer calquera persoa traballadora, sen importar as súas ideas políticas ou crenzas relixiosas.

 

A CNT é un sindicato diferente: a democracia directa é o noso sinal de identidade. Todas as decisións tómanse en asemblea. Non hai dirixentes e existe plena liberdade e igualdade no intercambio de ideas, opinións e iniciativas. A nosa táctica principal é a acción directa, é dicir, a solución dos conflitos polas persoas afectadas, sen intermediarios. Loitamos polo reparto do traballo e a riqueza, contra a desigualdade económica e social.

 

Cremos no deseño de estratexias como factor clave para desenvolver conflito s sindicais con éxito, e proporcionamos asesoría sindical e xurídica gratuítas para a afiliación. Contamos coa experiencia dos últimos anos de traballo desde a Sección sindical na Xunta de Galicia, moi activa no ámbito da AMTEGA, o que nos permite coñecer de primeira man as problemáticas do colectivo e o estado actual das súas reivindicacións.

 

 

Sección Sindical CNT

AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Xunta de Galicia)

amtega.cnt@gmail.com   // sindicato-cnt@xunta.gal // galiza@cntgaliza.org

www.cntgaliza.org/?q=xunta