Prensa obreira

Santa Apolonia volve a perder no Tribunal Superior

 

  • O Tribunal Superior de Galiza estima o recurso presentado pola central sindical na sentenza do ERTE de verán de 2016.
  • O sindicato recurriu a sentenza de primeira instancia, na que a pesar de declararse ilegal o ERTE, non se recoñecía a vulneración de dereitos fundamentais.

A CNT volve a estar de noraboa ao lograr unha vez máis unha sentenza favorable contra o colexio privado Santa Apolonia. O colexio que se publicita como un espazo que «favorece a solidariedade, a integración e a cooperación» volve a ver castigadas as súas pretensións de vulnerar os dereitos fundamentais do plantel.

Despois de terse declarado ilegal o ERTE do verán de 2016 tras a denuncia da CNT, o sindicato decidiu recurrir a sentenza á instancia superior ao estimar que se vulneraran os dereitos fundamentais do delegado da sección sindical no colexio. O dereito fundamental ao que se fai referencia é a garantía de indemnidade, pola que agora o Tribunal Superior corrixe aos xulgados composteláns e dicta que o entramado de empresas que forman o colexio Santa Apolonia deberá xa non só repoñer ao demandante nas condicións anteriores á efectividade da suspensión do contrato, senon tamén «ao abono dunha indemnización de 6250 euros por danos morais».

Desde a CNT insístese en que esta «é unha nova mostra de que cando unha traballadora ou traballador loita por algo tan elemental como é que se lle respecten os seus dereitos básicos, as empresas non poden tomar represalias se non queren ter que rascarse o peto e indemnizar».