Prensa obreira

Desde dentro do lume

CNT denuncia a irresponsabilidade da Xunta en política forestal e contraincendios

A CNT desexa mostrar o seu agradecemento a tódalas persoas que traballaron na extinción dos lumes forestais que asolaron Galiza nestes últimos tempos. O sindicato considera, e así o denunciou públicamente, que a irresponsabilidade forestal e de extición de incendios é a culpable das miles de hectáreas calcinadas, do dano patrimonial contra a biodiversidade da nosa terra e da perda de vidas humanas.

Nesta publicación reproducimos dúas análises achegadas por persoas que traballan no sector das emerxencias.

1.

A dramática situación que vivimos os días pasados foron a consecuencia dunha serie de feitos que sería longo de explicar nestas liñas. Ademáis da extrema sequía que levábamos padecendo dende hai meses, houbo que sumarlle ese día uns ventos racheados incríblemente fortes e violentos chegando moitas veces a pasar dos 80 e 100 quilómetros por hora.

Déronse as circunstancias climáticas idóneas, a chamada regla dos 30 (30ºC de temperatura, ventos de máis de 30 km/h e humidade relativa menor do 30%), para unha vaga de lumes que foi o que finalmente aconteceu. Se ás condicións climáticas lle sumamos o feito de que no dispositivo contraincendios da Xunta se acababa de botar á rúa a máis de 450 traballadoras/es de reforzo de verán, e engadimos que no dispositivo da empresa SEAGA tamén remataron contrato coa Xunta o 30 de setembro, resulta que o dispositivo contra lumes atopábase moi mermado e as plantillas desbordadas de traballo.

Hai que sinalar que aínda que o peor período foi do 15 ao 16, as brigadas levaban toda a semana anterior en distintos lumes que asolaban o sur de Galiza, destacando o do parque natural do Xures, que levaba ardendo desde había máis dunha semana. As brigadas estaban facendo xornadas de traballo de 15 horas diarias e nalgúns casos máis. A suma de todos estes feitos foi o que desembocou no lamentable día vivido.

Por outra banda, poderíase debater sobre o bombardeo informativo en prensa e televisión acerca da UME (Unidade Militar de Emerxencias), que saiu en todos os medios coma se foran eles os heroes que viñeron salvar Galiza pero non falan do custe: cada membro da UME, ademáis do seu salario do Ministerio, cobran uns pluses que oscilan entre os 80 euros na clase de tropa ate os máis de 150 nos oficiais, e mentres se lles paga esa astronómica cifra ao exército, as nosas brigadas de reforzo de verán foron á rúa.

 

2.

O acontecido nesa fin de semana negra de outubro, onde unha gran parte do patrimonio e biodiversidade galega sufriron grandes danos, e onde houbo que lamentar a perda de catro vidas, son un reflexo da inutilidade na xestión ao fronte das emerxencias en Galiza. Da igual a magnitude da emerxencia: tan se é grande, coma esta vaga de lumes, coma se é pequena, o modelo galego queda en entredito. Lembremos sucesos recentes como foi o incendio en Fandicosta (Moaña) ou o da carpintería no concello de Cotobado, ámbolos dous neste mesmo ano.

Tras varios días de lumes furestais asolando e colapsando a provincia de Ourense foi cando a Xunta decidiu volver a contratar brigadistas, despois de despedir a máis de 900. A decisión chegou tarde. Aínda que había que cumprir coa Lei, a Xunta era coñecedora do alto risco do IRDI (Índice de Risco de Incendio Diario), documento que se actualiza cada día dende a propia páxina de Medio Rural. Ante todos os datos e o pronóstico meteorolóxico, coñecíase ben que o que aconteceu era probable.

Esta vaga de lumes afectou tamén a Lugo, A Coruña e Pontevedra. Houbo picos de 150 lumes ao mesmo tempo, o cal fixo que o sistema colapsara… iso din! O 112 Galicia, xestionado por unha empresa privada, leva funcionando mal dende o seu traslado de Santiago á A Estrada. A falta de medios humanos na empresa fai que non haia resposta ao teléfono en minutos, tempo que por pouco que pareza é fundamental na atención ás emerxencias.

Falta de coordinación

Primeiro caos: o 112 Galicia, empresa privada, non é capaz de asumir a xestión das emerxencias.

Para a extinción de lumes forestais é preciso unha orde e dirección, a figura do Director/ora de Extinción, que en principio adoita ser a/o axente forestal e segundo a magnitude do lume ascende xerárquicamente. Segundo caos: escasez de axentes forestais. Nos lumes de Tomiño, O Rosal e A Guarda, sobre todo nestes dous últimos, ata ás 04:00 da madrugada do luns non chegou o primeiro axente nun lume que comezou ás 22:30 do domingo. E de ben seguro sen descansar, xa que viñan doutros lumes.

Activouse unha situación 2 en varias zonas. Isto quere dicir que na evolución máis desfavorable do lume pódense ver afectados bens de orixe non forestal así coma persoas non relacionadas co plan de extinción de incendios forestais. Ademáis, pódese ordenar a evacuación de vivendas, como foi o caso.

Cantos medios poden chegar a traballar nun incendio forestal? Podemos comezar a nombrar: bombeiros forestais (propios SPDIF), bombeiros forestais de empresas privadas (SEAGA, TRAGSA, NATUTECNIA), bombeiros privados dos consorcios (Pontevedra, Lugo, Ourense e A Coruña, xestionados por outras tantas empresas privadas), brigadas municipais, grupos de emerxencias supramunicupais, servicios profesionais e agrupacións de voluntarios de protección civil, bombeiros funcionarios das cidades, policía local, autonómica e nacional, garda civil, UME, urxencias sanitarias, axentes forestais, pás buldócer, helicópteros de extinción, avións, a AXEGA, mancomunidades de montes veciñais, concellos, veciños…

Vendo tal listaxe, por que arden os montes? Como se adoita dicir, cada actor no seu papel e é o/a director/ora da función quen dirixe. Se non existe, caos á vista. E é o que aconteceu en moitos lumes forestais.

A solución ao problema pasa por definir eses mandos, facer un servizo público único dunha administración, copiar outros sistemas que funcionan como o valencián ou o navarro. Facer o MANDO ÚNICO.

As empresas privadas tamén teñen os seus intereses. E estes son a minuta por lume.

Medios acordes

Non se trata agora de que a Xunta regale aos concellos vehículos sen ningún tipo de análise previo como aconteceu no ano 2006. Trátase de que falando cos grupos de emerxencias profesionais e con técnicos, se valore as necesidades de cada zona de actuación. Para que unha unidade de buceo e embarcación de rescate, por dicir nun sitio, en Monterroso? Do que se trata é de analizar e actuar.

As persoas de Medio Rural, que conducen os camións 4x4 para a extinción de incendios forestais, quéixanse do mal estado dos vehículos autobomba. Normal! Algúns teñen máis de vinte anos. Aqueles que a Xunta quita de servizo no SPDCIF son cedidos aos concellos conveniados no marco do PLADIGA, aqueles que aceptan as condicións que estes poñen. E ahí acaban a súa vida, vehículos que nalgúns casos superan os trinta anos.

Cos vehículos lixeiros de transporte de persoal aínda é peor. O 90% son de renting e aluguer e durante todo o ano, non so neses tres meses de alto riso. A canto ascende a minuta da empresa amiga?

A introducción de novos tipos de vehículos é esencial. Pola especial orografía e construcción dos núcleos en Galiza sempre se preferiron vehículos autobomba 4x4 estreitos. Demostrouse que era o peor debido á súa inestabilidade (as famosas corrocetas ou IPV antigas). Nestes momentos están a cambiar a flota e parece que melloraron, pero non valoraron a introducción de outro tipo de vehículos como poden ser os nodrizas, vehículos de tracción total e con capacidades de máis de 12.000 litros. Vehículos que suporían unha gran axuda, xa que nun lume podería abastecer a dous ou máis camións pequenos nunha soa viaxe ao punto de carga máis próximo.

A solución pasa por dotar aos grupos de emerxencia de medios acordes. No caso dos grupos de emerxencias supramunicipais, por exemplo, serían: un camión pequeño (BUL) para lumes urbáns e rescates, un camión grande (BRP) cun mínimo de 3.000 litros de tracción total para o uso non so en lumes urbáns e rescates, senon tamén en lumes forestais. E o SPDCIF é preciso dotalo de vehículos novos. Ademáis da introducción doutro tipo de vehículos hai que facer ben as contas: os coches precisos por distrito forestal.

Persoal de extinción de incendios

En poucas palabas: PROFESIONALIZACIÓN DO SERVIZO PÚBLICO. Como mencionei anteriormente, somos moitas persoas e de diferentes casas. Podemos decir que os planteis do sector de emerxencias en Galiza son maioritariamente privados e non públicos. A falta de persoal en xeral é unha consecuencia directa disto. As empresas privadas, ademáis, contratan so durante tres meses ao ano. Os nove meses restantes cúbrese con persoal fixo e fixo-discontinuo do SPDCIF. Os traballos de prevención non existen no monte xa que non existe persoal suficiente.

Débense cubrir vacantes e crear novas plazas, reestructurar servizos. Que quero dicir? Non seguir cada persoa polo seu lado. Na mesma base poden convivir a/o bombeira/o urbana/o co/a forestal. O que está claro é que dúas persoas non poden facelo todo. A figura do/da bombeiro/a forestal non se debe non se debe empregar soamente para a extinción de incendios forestais, senon que ademáis da propia prevención de lumes, tamén poden facer tarefas tan importantes como son a divulgación da prevención, apoio en rescates no monte, apoio ás/aos bombeiras/os urbáns en temporais, achiques, grandes catástrofes, incluso nun incendio de gran magnitude sen ser forestal, apoio con auga… E non é unha idea descabellada, xa que noutras comunidades o fan. E volvemos ao tema: depender dunha soa administración ou como moito dúas (comunidade e diputación), pero coa figura de mando único. Nesta parte debemos incorporar a TODO persoal que traballe nas emerxencias.

Eliminación das empresas privadas nas emerxencias

Non é preciso afondar no tema, xa que sábese ben que o único interés é monetario. Falemos de números: no 2016 firmouse un contrato para o servizo de helicópteros para a extinción de incendios e as súas correspondentes brigadas helitransportadas (Babcock e Natutecnia, se mal non recordo) para os anos 2016, 2017 e 2018 por 36,5 millóns de euros. Ese prezo é variable e pode sinxelamente superar os 100 millóns anuais. Como? Nas horas de voo dos helicópteros, se se pasan do pactado, cobran máis. O mesmo coas cuadrillas e demáis servizos. Unha hora dun helicoptero semipesado tipo Sokol ronda os 2.800 euros, dun pesado tipo Kamov os 6.000, un hidroavión (focas, do exército do aire) uns 30.000 euros. A brigada de catro ronda os 268€ e mesmo a UME cobra, e o exercito de terra coa súa operación centinela… Un lume pode xerar 50.000 euros por hora en beneficios. Así sabemos de onde parte o interés.

Hai que eliminar as mafias do lume da administración pública.

Politicas forestais axeitadas

A política forestal galega ten domicilio fiscal entre Santiago e Pontevedra: en Santiago as mafias do lume; en Pontevedra ENCE, privatizada polo PP de Aznar, prolongando a súa explotación durante sesenta anos máis. Podemos ver as portas xiratorias presentes: Isabel tocino, conselleira e exministra de Medio Ambiente con Aznar, José Carlos del Álamo, exconselleiro de Medio Ambiente na Xunta entre 1997 e 2003…

Esta papelera devora toneladas de madeira cada día e precisa unha materia prima: o eucalipto. Unha árbore que ademáis de ser gasolina no monte (ainda que hai outras tantas), é unha auténtica praga para a biodiversidade dos nosos montes.

As políticas forestais galegas promoven a plantación desta árbore, por moito que se empeñen en aparentar o contrario. Enganan á veciñanza co seu rendemento a curto prazo e a solución pasa por ordenar a erradicación de especies non autóctonas.

A ordenación forestal en Galiza non existe e é máis importante que nada. Un monte sen ordenar e non productivo non é seguro cara os lumes. A política forestal galega precisa con urxencia un cambio en todos os seus sentidos.