Prensa obreira

1º de maio. Eu na CNT. O sindicato que nos dá forza e voz

Primeiro de Maio

Manifestación do Primeiro de Maio COMPOSTELA

Convocan: CNT, CUT, STEG, SAGAP, Foro Galego de Inmigración

12h30: manifestación con saída da Porta do Camiño/Praza 8 de marzo e mitin final na Praza do Toral

14h30: xantar aberto e concertos na Praza 8 de marzo

Manifestación do Primeiro de Maio OURENSE

Convocan: CNT, CUT, STEG, CGT, ST

12h: manifestación con saída da Ponte Romana e mitin final nos Xardíns Padre Feijoo

 

Hoxe os ataques á clase obreira son cada vez de maior magnitude. Nos últimos anos vimos como retrocedían moitas das conquistas que durante anos e anos o movemento obreiro tivo que conquistar e defender. O pretexto da crise económica serviu como catalizador para todo tipo de agresións e cortes de dereitos.

Unha enorme taxa de desemprego como resultado das políticas de destrución de emprego impulsadas polos gobernos ao ditado da patronal e das institucións financeiras internacionais; unha descida constante dos salarios á vez que aumentan os despedimentos e os expedientes de regulación; un aumento da represión perante calquera manifestación de disidencia e calquera forma de loita contra o sistema; incontábeis cortes en servizos básicos e universais... todo unido a unha corrupción sistémica escandalosa e obscena conforman un negro panorama que pode provocar que se instale na clase obreira a desesperación, o medo e a parálise.

Mais os tempos do silencio e da submisión quedan moi atrás, os traballadores e as traballadoras somos conscientes de este ser o momento de avanzar, impor a nosa forza e a nosa voz.

A CNT propón o seu modelo sindical como espazo de loita e solidariedade, como un espazo a partir do cal construír resistencias e enfrentar o poder e o capital. Como un espazo a partir do cal recuperar a nosa voz e exercer a nosa forza como clase traballadora.

A CNT é un sindicato de iguais. Na CNT todos os afiliados e afiliadas temos o mesmo peso, a mesma capacidade de decidir, participamos do mesmo xeito no sindicato, damos en función da nosa capacidade e recibimos en función das nosas necesidades.

A CNT é o sindicato en que temos o noso sitio todos os traballadores e traballadoras. O modelo sindical de CNT é único. Baseado nas Seccións Sindicais, rexeitamos as eleccións sindicais e os Comités de Empresa e os liberados.

A CNT é o sindicato que construímos entre todos e todas. Dos sectores laborais máis tradicionais aos sectores máis precarizados ou abandonados polo sindicalismo oficial.

A CNT ten ás súas costas unha historia de loita obreira, unha historia de dignidade e orgullo, unha historia que estamos a escribir agora, no presente. Na CNT pretendemos abrir un camiño de confrontación co Capital e co Estado que se dirixa firmemente a unha mudanza social completa, que se dirixa á toma dos medios de produción por parte da clase obreira, que se dirixa á autoxestión ampla, integral, da sociedade. Unha sociedade igualitaria entre homes e mulleres, unha sociedade en que non caiba a discriminación de ningún tipo.

A CNT é o sindicato onde dar o primeiro paso a partir do cal avancemos definitivamente, sen posibilidade de volta atrás, para romper cun sistema que non é o noso e para construír desde hoxe a nosa alternativa, a partir da solidariedade, do apoio mutuo e da autoxestión.

Saímos neste Primeiro de Maio como afirmación colectiva da nosa forza como clase, de que a nosa presenza na rúa e nos traballos ten unha única finalidade: mudar o mundo a partir da base e construílo sobre a liberdade integral de todas as persoas, e que a nosa presenza será permanente, que non decaeremos na nosa loita até que non consigamos o noso ideal, a liberación dun sistema asasino, que nos condena á miseria e á escravitude.

O Anarcosindicalismo vai comezar a construír a nova sociedade. Unha nova sociedade que pense nas necesidades das persoas, unha sociedade en que os privilexios sexan substituídos pola igualdade e a verdadeira xustiza social, unha sociedade en harmonía coa natureza, unha sociedade en que todos e todas sexamos ricas, porque todos e todas teremos todo canto precisamos. Unha sociedade digna da cal sentirnos orgullosas e orgullosos.

Por iso estamos na CNT. Porque cremos que a nosa forza vai mudar o mundo.