Prensa obreira

A CNT denuncia o entramado empresarial de Confecciones Deus

Confecciones Deus (Ordes)

  • A firma textil de Ordes despide cun ERE extintivo máis de cen traballadoras
  • A CNT denuncia que o grupo empresarial, cun entramado ficticio de máis dunha ducia de empresas, cometeu fraude fiscal e procuraba a súa descapitalización.

A CNT ven de presentar demanda por despedimento contra Confecciones Deus e todo o seu entramado empresarial derivado do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo que a empresa de Ordes presentou o pasado mes de marzo e que supuxo a perda do posto de traballo para máis de cen traballadoras.

A CNT denuncia que Confecciones Deus é, na realidade, un entramado empresarial ficticio, conformado por máis dunha ducia de empresas creado para levar a cabo prácticas fraudulentas tanto en materia laboral como fiscal e que vulnera os dereitos elementais das súas traballadoras.

A empresa ordense despediu a máis de cen traballadoras mediante a presentación dun ERE alegando causas económicas, nas que tamén se apoia para negarlles incluso o pago das indemnizacións que lles corresponderían.

A organización anarcosindicalista denuncia o ERE apoiándose na existencia dun grupo empresarial que factura elevadas cantidades en "negro" até oito millóns de euros segundo figura nos propios datos de Facenda.  Asimismo, denúnciase desde a CNT que a elección das afectadas polos despedimentos fíxose sen seguir criterios obxectivos, podendo incluso chegar á discriminación dalgunha traballadora.

A CNT denuncia que o grupo empresarial, constituído por máis dunha ducia de empresas, obedecen a unha dirección única, pois todas están administradas polas mesmas persoas e incluso domiciliadas no mesmo centro de traballo. A finalidade deste grupo patolóxico de empresas sería, segundo a CNT, "organizar un fraude fiscal e descapitalizar as empresas con produción para non ter que afrontar as débedas, mediante un entramado ficticio de empresas produtoras e clientes que na realidade son a mesma con diferentes nomes".

Baseándose nesta realidade, a CNT denuncia que o ERE, que se levou a cabo sen negociar coas representacións sindicais, é un mero fraude para descapitalizar unhas empresas con elevadas débedas a Facenda e á Seguridade Social a favor doutras empresas que estarían “limpas” de cargas.