Prensa obreira

CNT concéntrase no concesionario de Ford de Compostela

Concentración FORD compostela

  • Reclámase a readmisión do delegado sindical de CNT nunha auxiliar da factoría Ford en Valencia
  • O sindicato compostelano participa na xornada de loita contra Ford convocada a nivel estatal

O Sindicato CNT iniciou unha campaña informativa de ámbito estatal polo conflito que mantén contra Ford España tras o despedimento dun representante da Central Sindical. En particular, trátase do Delegado da Sección Sindical de CNT na empresa Quality Services Production, mercantil que presta servizos directos á factoría Ford de Almussafes (Valencia).

Ford negouse en todo momento a escoitar e dialogar co Sindicato, facendo caso omiso da situación de represión sindical que se vive nas súas empresas provedoras e das irregularidades en materia laboral que se están producindo no seu propio polígono industrial.

Por todo iso, a Confederación Nacional do Traballo decidiu estender o conflito aos puntos de venda de vehículos Ford, co fin de informar aos concesionarios, clientes/as e á poboación en xeral, da actitude de Ford España respecto das irregularidades e precariedade que se sofren nas empresas das que se prové.

O traballo é un dereito innegociable, motivo polo cal, a Central Sindical espera que se tomen medidas para a inmediata readmisión do delegado de CNT e que Ford España en Almussafes, medie para que a reincorporación se produza canto antes. Pola contra, CNT continuará visibilizando a gravidade da situación e a tolerancia de Ford ante a vulneración de dereitos, mantendo o conflito sindical de maneira indefinida.

CNT non tolera que se utilice a privación do dereito ao traballo como forma de represión.

Conta con CNT!

 

Info do conflito en: http://valencia.cnt.es/2016/12/cnt-convoca-una-semana-de-lucha-contra-ford-espana/