Prensa obreira

Salvados de cutrelux

Asistimos atónitas, hai un par de semanas, á emisión do programa da Sexta presentado por Jordi Évole, o periodista antes coñecido como o follonero, adicado ao “Fenómeno Mercadona”.

 concentración Mercadona Canido

Comezou o programa co deambular de clientes (ou curiosas, porque seica un dos escenarios era unha tenda no momento da súa inauguración) que comentaban entre elas ou con invisíbeis interlocutores o bo e barato que era todo, dende o pan ata os desinfectantes para o inodoro. Neste decorado propio d’ “O amencer dos mortos” ou das escenas de avituallamento de “The walking dead” aparece, sen máis arma que o micro, o inefábel Jordi e comeza a entrevistar xente: que se un directivo orgulloso de como lle sacaron o aire ás botellas de viño, que se empregadas que nunca soñaran estar tan ben. O directivo emprega, para xustificar os gastos da empresa en coachings, másters ou charlatanerías desas onde adoitan recalar os cartos que se lle escatiman ao cadro de persoal, unha serie de ridículos termos, así os xefes son a clientela, os xerentes son as traballadoras. Moi ben, como se non soubésemos que as traballadoras, de se organizaren e se poñer a xestionar, si que son quen de mandar en calquera negocio.

Explícannos brevemente que quen se incorpora á empresa asina un contrato fixo e cunha retribución maior á habitual no sector (como se iso fose complicado) e que, cando leva catro anos traballando alcanza o ceo salarial (e seica o teito da súa carreira) sendo a envexa de quen traballa para a competencia.

Unha pincelada máis de neo-língua, toca agora sacar a paseo o manual de “calidade total” que ten que ler, asimilar e resumir quen queira entrar a traballar na empresa. Asimilan que son engrenaxes nunha máquina de facer feliz ao mundo e que os cartos e a ledicia flúen paralelamente dende os clientes, que nos cursos de adoutrinamento do persoal son identificados coma “monstros” e dos que se di que son insaciábeis, como se houbese máis monstro insaciábel que a ambición de Juan Roig, aquel que -non sabemos se intoxicado polo fume da heroína- dicía que “tiñamos que aprender dos chinos: traballar máis e cobrar menos” e que preside o xigante do abastecemento do que trata o programa e que é nomeado nalgún momento como “empresa familiar”. Unha familia feliz e próspera, con compoñentes sectarios e cerebros tan esplendorosos que levan a que un traballador dos non marcados pola empresa repita a mesma salmodia de agradecemento que o resto e mesmo un cliente diga que Mercadona é o máis grande do mundo e o mellor da súa vida, e que a súa dona poida que non opine o mesmo. O que lle puxo o nome paródico e popular aos produtos “hacendaño” é posíbel que teña a explicación a isto. O que bautizó como monstros aos clientes, tamén.

Falando de monstros, segue o vagar de clientes polos lineais adiante e o xefecillo que xa coñecíamos, que nos falou de baleirar botellas e de espremer laranxas feas con máquinas máis eficientes, intenta presentar a un superior seu que queda fóra de xogo, no seu empeño en demostrar o solidarios que son digan o que digan por aí, porque da a casualidade de que agora mesmo veñen recoller a súa doazón solidaria.

Aí si que sae o Jordi Évole que coñecíamos, que saca a brincadeira de merca-non-doa e pasa a falar da agresiva política de prezos. Vemos a un representante dos agricultores que fala o que lle deixan das campañas de isco aos clientes co prezo, así soubemos que o ano pasado as laranxas foron a 50 cts. e que en patacas tamén levaron prezos estupendos. Ata o momento, para calquera audiencia despistada ou captada pola seita Roig, o fenómeno Mercadona é fenomenal.

Saen tamén dous inter-provedores, que por se o palabro non tivese pecado abondo, tamén se pode dicir totalers. É dicir: produtores que só lle venden a Mercadona. Un deles, o orgulloso neto da señora Anita e fillo de Anitín declárase feliz de lle facer a rosquilleta a don Juan Roig. O outro sae en tebras, parece que vaia tirar da manta e se vaia cagar a cadela, pero o que nos conta, aparte de que lles marcan unha porcentaxe de ganancia e o que suba de aí vai para Mercadona, conta uns delirantes encontros de totalers nos que se fala de sodomía entre caixas de dentífrico. Cousa elegante e moi de máster, tamén.

Para falar de temas tan elevados, chegan reforzos, xunto ao masterificado espremedor que xa coñecíamos agora sae outra white collar que fala de que o seu (da familia Roig) e vender leitugas. Entre baleirar botellas e vender leitugas a cabeciña non da para moito máis e, a partir dese momento haberá toda unha serie de non lembranzas e non constancias ante calquera indicio de realidade que enturbe o relato de bos prezos e traballadoras e clientela felices.

Así, cando se nos fala de que intentaron botar a unha traballadora (unha) por se presentar ás eleccións sindicais por un sindicato que non goza das bendicións da empresa, cando se falou do servizo médico da empresa e da “reubicación” de quen noutras empresas collería unha baixa laboral, do “listado de movemento de produtos” (nome que encobre as listas negras de quen “non se identifica cos principios da empresa”, etiquetados coa “T” de “terroristas” por coller a baixa que lles da o seu médico de cabeceira, en vez de pasar a lesión ou a enfermidade onde os queira situar o Mengele corporativo, máis interesado no cumprimento dos obxectivos da empresa que no benestar e a saúde do cadro de persoal, non falemos xa dos seus dereitos laborais) os dous aquendábanse en dicir que non lles constaba, que o caso non lles era do todo coñecido ou que non era posíbel, que non podía ser así.

Isto último foi moi sinalado cando se falou das tristemente célebres “cláusulas de confidencialidade” que se fan asinar a quen, tras seren despedidas logran que a empresa lles indemnice por despedimento improcedente. Aquí, pese a ter o testemuño da sindicalista díscola, doutro traballador e dun avogado, a parella de directivos comeza a dicir que son casos que se poden contar cos dedos dunha man, que nunca nunha traballadora de base (cando estaban a falar dunha caixeira)... e comezaron a andar en círculos como polo sen cabeza, deixando os flancos descubertos ao ataque do Évole que agardabamos e que non chegou a aparecer.

En lugar diso, falou de que contactaran con 60 ou 70 traballadores e traballadoras e que, polo diaño da cláusula, só puideron intervir dous. E aquí queriamos chegar, xa que sabemos que isto non é certo.

O programa estivo en contacto cunha compañeira do SOV da CNT de Ferrol que estaba disposta a saír nel, e dúas semanas antes da emisión soubemos que non ía saír nin ela nin ninguén da Confederación. No caso desta compañeira, que gañou a súa reclamación na “quenda de corredor”, no Xulgado, despois de rexeitar unha oferta anterior da empresa por non aceptar firmar a puñetera cláusula, non existe impedimento algún. Que gañou indo a xuízo polo que lle correspondía, pese a que a natureza ambigua do convenio de empresa que teñen (que pode lembrar máis ao libro do mormón que ao Estatuto dos Traballadores) deixaba moito espazo á arbitrariedade da empresa e á evanescencia dos dereitos laborais, pese a que todo parecía estar na súa contra. Esta compañeira, como tantos outros compañeiros e compañeiras que reclamaron os seus dereitos fronte a ese xigante, a ese monstro insaciábel que é Mercadona, son un exemplo do que probabelmente non lle conveña a empresa, pero que este sindicato e a sociedade que queremos necesita.

E non dubidamos que a compañeira da CIG que si que saíu tamén o sexa, pero que non se inclúa a participación de ninguén de CNT, cando somos quen leva anos e anos mantendo conflitos con Mercadona por todo o territorio do estado español, non é que nos sorprenda (obviar a existencia da anarcosindical é unha constante nos medios de comunicación), pero si que priva á audiencia de coñecer algúns detalles da loita polos dereitos laborais en Mercadona (folga indefinida con ameazas de deportación aos folguistas estranxeiros e acordos para traer directamente esquirois dende terceiros países que os substitúan), casos diversos do coñecido como “despedimento Mercadona” (inventar unha causa disciplinaria para xustificar un despedimento), dos que a CNT podería poñer moitos exemplos, así como de vitorias varias contra estes abusos.

Pero, claro, unha empresa que domina o 14% do mercado da alimentación a nivel estatal move moitos cartos e, neste sistema, ten moito poder, polo que non é estraño que a división esque... esque... disquerdista de Atresmedia non se metera a fondo contra ela. Cousas máis vergoñentas tense visto.

O mellor que a CNT de Ferrol pode dicir dela é que provocou un dos momentos máis fermosos de unidade de acción obreira que tivemos en moitos anos. Momento necesariamente efémero, xa que esta unidade era mala para a empresa e mala para o que algúns entenden por sindicalismo.

 

O dito, Salvados de Cutrelux, que ben queda o cute con eses cosméticos e que prezos máis ventaxosos.