Prensa obreira

CNT demanda á Cofradía de Pescadores de Cabo de Cruz

  • Cofradía de Pescadores "Virxe do Carme" de Cabo de CruzDemándase pola discriminación laboral dunha traballadora por razón de xénero
  • Denunciadas tamén as múltiples deficiencias laborais na Cofradía de Pesacadores de Cabo de Cruz

CNT ven de presentar demanda en materia de dereitos fundamentais contra a Cofradía de Pescadores "Virxe do Carme" de Cabo de Cruz por mor do trato discriminatorio por razón de xénero que sofre unha traballadora afiliada do noso sindicato.

Na realización do seu traballo para a Cofradía a traballadora percibe unha retribución mensual substancialmente inferior á dos seus compañeiros varóns que realizan idénticas funcións. A Cofradía de Pescadores de Cabo de Cruz desoíu as reclamacións neste sentido que lle fixo a nosa compañeira, negándose a xustificarlle o porqué da súa remuneración inferior.

A denuncia abonda tamén noutros aspectos do traballo na Cofradía de Pescadores "Virxe do Carme" de Cabo de Cruz  como: a constante modificación da xornada laboral e dos horarios de traballo, a realización habitual de horas extra non remuneradas, o impago dos complementos correspondentes en nómina, o incumprimento do descanso regulamentario ou a negativa a facilitar días libres para a realización da formación obrigatoria que se precisa para o posto de traballo.

Fontes anarcosindicais aseguran que as condicións laborais na Cofradía de Pescadores de Cabo de Cruz son "insultantes para todas as persoas", e esixen que se "corrixan de inmediato" os motivos da discriminación da traballadora, así como, todas as deficiencias en materia laboral denunciadas e o abono das cantidades adebedadas.