Prensa obreira

Concentracións solidarias no conflito de "Frutas y Verduras" (APTCfruta)

Vídeo das dúas primeiras concentracións en solidariedade cunha traballadora despedida dunha tenda da cadea de froiterías “Frutas y Verduras” (APTCfruta).

 


A tenda na que traballaba a compañeira, en Miño, está agora pechada. Precisamente, o feito de que ían pechar esta tenda e que ía ser despedida dixéronllo cando estaba de baixa, sendo o despedimento axiña trala reincorporación, sen que previamente a este recibira o preaviso.

Isto non deixa de ser unha formalidade, que simplemente lle custaría uns cartos adicionais á empresa ao formalizar a indemnización, pero o realmente grave é que a nosa compañeira traballaba 30 horas semanais, con quendas diarias de 5 horas, as que corresponden ao horario de apertura da tenda (de 9 a 14 e de 16 a 21), habendo só dúas traballadoras por froitería, unha por turno e estando contratada por 20.

Atopámonos, así, cun empresario que esixe un terzo máis de traballo do que consta no contrato, detraendo esta mesma porcentaxe das cotizacións á Seguridade Social da traballadora.

Á nosa compañeira pretenderon poñela na rúa -despois de catro anos de traballo na empresa- cunha liquidación de setecentos e pico euros (600 euros do salario do mes de agosto, que aínda non cobrou e cento e algo de finiquito), o que a levou a onde debe ir calquera traballadora despedida (máxime tendo en conta as peculiariedades do seu contrato, que deixaba esa hora e coarenta minutos diarios no escuro territorio do fraude e a explotación), ao sindicato.

Despois de facer os cálculos das cantidades que se lle debían, contactamos coa empresa. O xestor desta díxonos que tiñan intención de pagar, pero entre a intención e o feito empezou a pasar o tempo (especialidade da casa, seica, o tempo non retribuído) e chegou o momento de botar a papeleta no servizo de mediación, arbitraxe e conciliación, para solventar a discrepancia entre os nosos cálculos (máis de sete mil euros) e os da empresa (os devanditos setecentos e pico) e quedou fixada a data da conciliación, á que non acudíu a empresa.

Chegados a este momento, non quedou outra que denunciar ante o xulgado por cantidades e, como xa lle comentaramos ao xestor, comezar unha campaña pública de solidariedade coa compañeira explotada, despedida e acredora desa cantidade (en realidade, a cantidade que lle deixou de pagar a empresa é sustancialmente maior, xa que foron 4 os anos que estiveron obrigándoa a traballar un terzo máis do contratado, pero a lexislación -feita á medida dos empresarios, aínda que algúns destes tendan a non cumprila- só lle permite reclamar o que lle deben do último ano) e de información ao público dos abusos laborais que comete a empresa.

Estes abusos foron constatados por unha recente inspección de traballo, que comprobou como as traballadoras da empresa realmente traballaban 30 horas semanais, pese a estar contratadas soamente por 20. A día de hoxe, as compañeiras da agora despedida están contratadas polas horas que traballan.

As consecuencias desta vulneración dos dereitos laborais e das obrigas contributivas do empresario non só afectan á traballadora, a quen obviamente prexudica de cara á xubilación, de cara ás prestacións por desemprego e, aínda que non fose un caso tan escandaloso coma o que neste pretenderon coar, no cálculo da indemnización por despedimento; senón que afectan ao conxunto da sociedade, xa que o fraude á Seguridade Social deriva ao peto do empresario cartos que terían que ir destinados a fins tan importantes como as pensións, o desemprego, a asistencia sanitaria... Por outra parte, este fraude supón unha competencia desleal con outras empresas do ramo que si que cumpran coas súas obrigas, o que pode levalas ao peche ou, peor todavía, pode “contaxiar” ás malas prácticas , de xeito que calquera podería verse sometido a estes abusos, en nome da “competitividade”, ameazando dereitos de toda a clase traballadora que costou moito lograr e que, de perderse, costaría máis aínda recuperar. Tamén é un engano á clientela, composta maioritariamente -como o conxunto da sociedade- de xente que vive ou pretende vivir dun salario ou unha pensión e que, cando paga o que lle piden pola súa compra, cre pagar non só as froitas e verduras que leva, senón os custos asociados (a bolsa que a contén, a parte correspondente do aluguer do local, da luz, da auga, do salario das traballadoras, e das cotizacións asociadas a estes) e, pola falta de escrúpulos do empresario pasa a ser cómplice pasiva do fraude e a explotación.

Por iso, as compas de CNT, obreiras coma ela e sen maior interese no asunto que garantir os dereitos da traballadora despedida e combatir os abusos empresariais, consideramos que a xente que é vítima dese fraude (que nos, como vimos, cústanos a todas) e dese engano (que abusa da súa boa fe e lévalle a actuar en contra dos seus dereitos e intereses), ten dereito a ser informada de que nesas tendas se vulnera a lexislación laboral e os dereitos das traballadoras, para que actúe en consecuencia. E lles instamos a que, en nome da solidariedade -e tamén, como vimos, polos seus propios intereses- non consuman en estabelecementos onde os dereitos laborais (os da empregada, pero tamén os seus) non sexan respectados.

E todo isto pretende reflexar este vídeo nos escasos tres minutos de duración: horas de concentración diante das tendas do centro comercial Narón e da de Pontedeume, pero tamén semanas de intentos infrutuosos de chegar a unha solución ao conflito, solución que pasará -evidentemente- por que a nosa compañeira cobre o que se lle debe e que se lle cotice á Seguridade Social polo tempo realmente traballado. Nada máis -e bastante menos- que o que lle corresponde.

Abonda xa de explotación!

Conta comigo, conta con CNT!