Prensa obreira

Continúa o conflito con "Frutas y Verduras", continúan as concentracións solidarias.

O pasado sábado, 19 de novembro, militantes do SOV de Ferrol concentrámonos unha vez máis en solidariedade coa compañeira despedida tras catro anos traballando en quendas de 5 horas, cando estaba contratada por 3 horas e 20 minutos ao día.pontedeume 19n

Esta circunstancia foi comprobada por unha recente inspección de traballo, o que levou a que as traballadoras que aínda mantén a empresa estean, a día de hoxe, contratadas polo tempo que realmente traballan. Por desgraza, isto chegou tarde para a nosa compañeira, a quen lle foi comunicado o peche da tenda na que traballaba e o seu despedimento durante unha baixa e sen cumprir o requisito legal de preaviso por escrito con 15 días de antelación.

Fraude, trapalladas, explotación laboral... e intentos de levar a trapallada á negociación co sindicato. Así, a empresa non se presentou á conciliación ante o SMAC e mesmo o xestor que leva os asuntos mostrouse ofendido porque as cousas tivesen chegado a tales extremos de... normalidade, xa que o Servizo de mediación, arbitraxe e conciliación está para estes casos en que hai que buscar unha solución entre a empresa e a traballadora despedida. Neste caso, a discrepancia viña de que o empresario tiña defraudado un terzo do que tiña que cotizar pola traballadora, había horas extras sen abonar e no cálculo da indemnización non se tiña en conta o tempo realmente traballado, senón ese 66,6% polo que empresario cotizaba.

Naturalmente, despois desa incomparecencia puxemos a pertinente denuncia no xulgado e, como lle comunicaramos ao xestor, comezamos unha campaña de información pública sobre o caso da nosa compañeira. E que empresarios como este, que obrigan ás súas empregadas a traballar por máis horas das que teñen no contrato non só prexudican á traballadora explotada, senón que, co fraude á Seguridade Social, prexudican á sociedade no seu conxunto, xa que detraen cartos destinados a cousas tan importantes como pensións, asistencia sanitaria, prestacións por desemprego... Tamén supoñen unha competencia desleal coas empresas que si cumpren coas súas obrigas legais, o que pode levar a que estas pechen ou a que o fraude se contaxie... facendo perigar os dereitos de tod@as e contribuíndo á permanente degradación do mercado laboral, cada vez máis hostil á clase traballadora. E supón un abuso tamén sobre a clientela que cando acude a estes estabelecementos e paga cos cartiños honradamente gañados o prezo que lle piden, cre estar pagando o produto e todos os seus custos asociados, sen saber que o empresario racanea ás traballadoras e á Seguridade Social un terzo do que tiña que pagar, resultando así quen compra nestas froiterías cómplice do Fraude e a Explotación que nestas tendas se producen.

Novos contactos co xestor, a pasada semana (despois das concentracións dos días 4 e 5 deste mes) semellaban indicar a vontade da empresa de facer fronte ás súas obrigas, pero ao non poñerse en contacto o empresario con nós para fixar os detalles do pago, mobilizaron de novo a solidariedade anarcosindical. A concentración foi de novo na tenda de Pontedeume, un novo sábado de feirón, e o numeroso e variado público presente acolleu a mensaxe coa indignación que estes abusos merecen.

Defender os dereitos laborais é defender os dereitos de tod@s, como non é difícil de comprender, é defender tamén dereitos que custou moito gañar e que houbo que pelexar con medios aínda máis extremos e en condicións aínda máis duras e, por iso, a CNT vai seguir loitando nesa defensa o que faga falta.

E, por suposto, as accións tanto pola vía xudicial como por vía da acción directa van seguir ata que o empresario pague o que lle debe á nosa compañeira e regularice as súas cotizacións ao tempo traballado.

Se tocan a unha, tócannos a todas!

Conta comigo, conta con CNT!