Prensa obreira

Hoxe, sábado, continuaron as accións en solidariedade coa compañeira despedida por "Frutas y Verduras".

Pontedeume frutasDespois da concentración de onte diante da tenda de "Frutas y Verduras", hoxe tocoulle a quenda á tenda que ten esta cadea en Pontedeume.

Pese á choiva que ameazaba e que fixo acto de presencia, alí estivemos concentrados compas do SOV de Ferrol en solidariedade coa nosa compañeira despedida despois de catro anos traballando en turno de 5 horas, pese a estar contratada só por 3.

Unha agradábel mañá de solidariedade e loita sindical nun Pontedeume bulente co feirón dos sábados. Repartimos un par de centos de panfletos explicando o conflito que temos coa empresa, coreamos consignas en solidariedade coa compañeira e instando ao empresario moroso a cumprir coas súas obrigas, "megafonamos" os motivos da nosa presencia alí, falamos cos viandantes procedentes de todos os pobos da contorna sobre o dano que fan estes empresarios defraudadores ao conxunto da sociedade e vimos con satisfacción como a maioría da xente decidía non ser cómplice do fraude e a explotación e ía gastar os seus cartos, honradamente gañados, en estabelecementos onde non se vulneran os dereitos laborais nin as obrigas coa Seguridade Social.

E así seguiremos ata que a nosa compañeira cobre o que lle debe esta cadea de froiterías. Onte Narón, hoxe Pontedeume, mañá vai saber.

Conta con nós, conta con CNT.