Prensa obreira

Comeza conflito con APTCfruta, Frutas y Verduras.

Algo cheira a podre nesta cadea de froiterías e, naturalmente, non son as traballadoras.

Nesta empresa as traballadoras estaban obrigadas a facer cinco horas de traballo, aínda que estaban contratadas por 3 horas. Era algo que resultaba evidente vendo o horario das tendas, de 9 a 14 e de 16 a 21, con 2 traballadoras por tenda, e que foi solucionado por unha recente inspección de traballo.Vermes

 

Esta inspección chegou tarde para unha compañeira do SOV da CNT de Ferrol, que foi despedida despois de catro anos de servizo nunha das múltiples tendas da empresa, avisándolle o empresario do peche da tenda na que traballaba e o seu despedimento durante unha baixa.

No momento do despedimento, a empresa débelle á traballadora cartos polas horas extras realizadas, ademais de deberlle a correcta cotización polas horas traballadas e o emprego destas horas reais no cálculo da indemnización por despedimento.

 

Nun primeiro contacto coa empresa, dixeron estar dispostos a pagar, pero cando -ao non cobrar o que lle debían- a compañeira presentou a papeleta no SMAC, o xestor amosouse ofendido, o que é incomprensíbel, a non ser que a predisposición inicial a pagar fose só unha táctica dilatoria da empresa, xa que o servizo de mediación, arbitraxe e conciliación está aí para chegar a solucións en caso de despedimento.

 

O empresario non se presentou á conciliación, polo que pasamos á reclamación por vía xudicial das cantidades que lle deben á nosa compañeira: horas extras, indemnización e a cotización polas horas realmente traballadas.

 

O fraude á Seguridade Social que supón a cotización por menos horas das realmente traballadas non só afecta negativamente á traballadora explotada, que ve reducida a súa cotización cara ao subsidio de desemprego, á xubilación... senón que tamén contribúe á descapitalización dese puntal do Estado do Benestar, poñendo en perigo cousas tan importantes para todos como as pensións e as prestacións sanitarias... o que afecta ao conxunto da sociedade; por outra parte, supón unha competencia desleal con outras empresas que si que cumpran coas súas obrigas tributarias e contribúe á crónica degradación do mercado laboral.

 

Por todo isto, a Confederación Nacional do Traballo non só prestará o seu soporte legal para a reclamación emprendida ante o xulgado do laboral, senón que porá os medios ao seu alcance para unha solución pronta e satisfactoria para a traballadora.

 

 

 

Abonda xa de abusos empresariais!

Conta comigo, conta con CNT.