Prensa obreira

Médicos Sin Fronteras despide cinco traballadores e sofre novo piquete

  • Médicos Sin Fronteras despide a práctica totalidade da sección sindical de CNT
  • A ONG continúa na súa campaña de vulneración de dereitos contra sindicalismo
  • O sindicato CNT concéntrase en resposta á continua represión sindical de MSF contra o personal que revindica os seus dereitos
  • Exixen a inmediata readmisión dos e das sindicalistas despedidos

MSF despide sección sindical da CNT

A CNT concentrouse hoxe ás portas da delegación de Médicos Sin Fronteras en Compostela para dar unha resposta inmediata ao despedimento no día de onte de 5 persoas traballadoras da captación de fondos en Compostela afiliadas á CNT.

Segundo a sección sindical da CNT, a multinacional humanitaria convocou onte, día 13 de outubro, a sección da CNT ao finalizar á súa xornada laboral «para executar o despedimento das traballadoras e traballadores anarcosindicalistas «nun claro acto de represión sindical co pretexto de razóns produtivas».

Responsables de Recursos Humanos de Médicos Sin Fronteras desprazáronse desde Barcelona para exercutar os despedimentos, coa súa Coordenadora de Recursos Humanos á cabeza, Gemma Ramos Juy, aínda que o sindicato tamén asinala como responsables da campaña represiva a Anna Pineda Minguez (directora de Márketing e Captación de Fondos), Juan Ramon Atxa (Responsable de Campañas Fundraising), Carmen Moraño Vigara (Resposable de Administración de personas), Ulises Mena Calderon (Coordenador Face to Face) e, en última instancia, Carlos Bustamante Muñoz (Coordenador Face to Face na Galiza).

Hoxe, 14 de outubro, a CNT de Compostela realizou un piquete informativo ás portas da delegación compostelana da ONG Médicos Sin Fronteras «para denunciar a política de persecución a que se ve submetido o persoal asalariado que revindica milloras das lamentables e escravistas condicións laborais» dos traballadores e traballadoras de captación que MSF ten a pé de rúa.

Para o sindicato CNT, as intencións de MSF non son novas pois xa despediu ao coordinador da sección da CNT na Coruña no pasado mes de xuño. Fontes sindicais indican que a ONG «acaba de quitar definitivamente a súa máscara e deixou ver a súa verdadeira cara co persoal reivindicativo».
Da mesma forma relacionan este ataque coas propostas da CNT que saíran adiante na asemblea de traballadores e traballadoras de Médicos Sin Fronteras celebrada recentemente. A sección da CNT lembra que a inmensa maioría do persoal na Galiza respaldou a posición mantida pola CNT «tumbando a proposta da empresa presentada no seu nome polos delegados e delegadas de persoal do sindicalismo de UGT e de CIG».

Causas económicas e amizades perigosas

Segundo indica a sección sindical, os despedimentos foron realizados por causas económicas mais considera «sorprendente que a amortización destes postos de traballo sexa por este motivo cando están a gastar cantidades desorbitantes de diñeiro en viaxes para adiar xuízos que saben que van perder e contratar bufetes de avogados de duvidosa lexitimidade», en referencia á firma Deloitte, que recentemente asinou un acordo con Médicos Sin Fronteras, relacionada co caso Bankia e sancionada cunha multa de 12 millóns de euros por infraccións continuadas de carácter moi grave.

A CNT advirte a Médicos Sin Fronteras que «sempre nos terá enfrente mentres manteña a súa nefasta política laboral, na rúa ou no xulgado, seguiremos loitando polo respecto que merecen os traballadores e traballadoras». Salienta a organización anarcosindicalista que xa foi demostrado nos últimos tempos coas sentenzas que confirman as denuncias por discriminación por razón de nacionalidade de dous captadores estranxeiros da ONG ou coa modificación unilateral por parte de MSF das condicións salariais do cadro de persoal e, proximamente, «verémolo no xuízo polo conflito colectivo contra a abusiva claúsula de rendemento que a ONG Médicos Sin Fronteras tenta adiar sine die nos xulgados».

MSF despide sección sindical da CNT