Prensa obreira

Estación de servizo Coirós Low Cost: Media é menor que unha.

O pasado venres 17 de xuño, militantes da CNT de Ferrol concentrámonos diante da gasolineira Coirós Low Cost nunha nova acción de visualización do conflito que mantemos con dita empresa polo despedimento dunha compañeira.

 faixa coiros

A nosa compañeira entrou a traballar en marzo do pasado ano cun contrato de media xornada. O desempeño da traballadora non debía ser malo, xa que o contrato lle foi prorrogado por outros nove meses. O caso é que o horario que tiña que traballar a nosa compañeira non se correspondía coa media xornada para a que estaba contratada, senón que tiña que traballar a xornada completa, a empresa non respectaba os seus descansos semanais nin entre xornada e, mesmo, reducíronlle os días de permiso por matrimonio aos que tiña dereito.

Esta irregularidade na contratación, que aumenta os beneficios da empresa mediante unha cotización fraudulenta á seguridade social e a competencia desleal con outras empresas do sector que cumpran as súas obrigas contributivas, é moi prexudicial para a empregada, xa que nos cómputos de cara a xubilación, baixas ou prestación por desemprego e para o conxunto da sociedade, xa que detrae fondos ás arcas da seguridade social, sobrecarga de traballo a unhas persoas vetando o acceso a un posto de traballo a outras e redunda nunha maior desigualdade social e precariedade laboral.

Farta destes abusos e despois de oito meses traballando para a empresa, sen merecer o menor reproche por parte desta, a nosa compañeira solicitou ser contratada a xornada completa, como traballaba. A empresa negouse, xa que a situación fraudulenta éralle máis beneficiosa.

Entón, a traballadora decidiu traballar soamente polo tempo que estaba contratada, é dicir, media xornada. E así foi durante o seu último mes de relación laboral coa empresa, xa que nese prazo foi despedida, aínda que o seu contrato era válido por tres meses máis.

As causas que alegou a empresa foron que ía amortizar postos de traballo, o que non se axusta coa realidade, xa que contratou outra persoa inmediatamente despois de despedir á compañeira. A esta díxolle, verbalmente, que era que precisaban unha persoa que traballase a xornada completa (lembremos, o que solicitara a compañeira). “Curiosamente”, a persoa que entrou a traballar o fixo tamén con contrato a media xornada.

O SOV de Ferrol esiximos á empresa que revise as cantidades tanto das cotizacións como da indemnización por despedimento tendo en conta o tempo efectivamente traballado pola nosa compañeira; esiximos máis empeño por parte das Administracións Públicas para frear estas situacións de fraude e explotación, por desgraza tan frecuentes; e pedimos ao conxunto da sociedade, prexudicados igualmente por estas prácticas, non sexan cómplices do fraude e a explotación.

Coirós low cost: Unha traballadora a xornada completa equivale a dúas traballadoras a media xornada.

Conta comigo, conta con CNT.