Prensa obreira

Solidariedade con FJMR, xulgado a resultas da agresión sufrida pola manifestación da CIG na folga do 29 de marzo de 2012.

O SOV da CNT de Ferrol quere expresar o seu apoio a FJMR, militante da CIG, que será xulgado o vindeiro mércores 15 por feitos acontecidos durante a folga xeral do 29 de marzo de 2012.

Como xa informamos no pasado mes de marzo (cando se adiou o xuízo previsto), na manifestación convocada pola CIG con motivo da folga e en pleno centro de Ferrol, un coche arrancou bruscamente, arrollando a unha das manifestantes, que resultou ferida. Este feito motivou a airada reacción entre a xente que se manifestaba, que detiveron o coche do salvaxe agresor. Calquera puido resultar atropelada e calquera reaccionaría con indignación.

FJMR -que fora detido nunha folga anterior- foi identificado por membros da policía local de Ferrol cando a situación xa se tiña normalizado.

 

O 28 de setembro do pasado ano, a muller atropelada, o condutor e FJMR foron citados no Xulgado para a vista do sucedido. FJMR rexeitou participar nun acordo das partes protagonistas da agresión coa compañía de seguros, no que a agredida aceptaría culpabilidade nos danos do vehículo, o agresor pasaba a ser un rapaz que reaccionaba nerviosamente ante unha -inexistente- agresión, o seguro pagaba o amaño. Así, a cousa quedaba en imprudencia por parte da besta motorizada e a atropelada era agresora compensada polas súas lesións e que compensaba os danos na chapa do instrumento do ataque.

 

FJMR non acudiu a aquel xuízo, e cando foi a xuízo o 14 de marzo a situación mudara, os feitos onde -presuntamente- se vira envolto eran agora unha agresión previa ao iracundo condutor e non a resposta instintiva á turrada daquel. Por iso, enfróntase agora a unha petición de dous anos e a pagar os danos sufridos polo automóbil do agresor.

 

A CNT acudirá á concentración convocada diante do xulgado maña mércores, ás 11:30 h.

 

Se tocan a unha, tócannos a todas!