Prensa obreira

Comunicado do SOV da CNT de Ferrol ante a morte dun traballador do naval.

20/05/2016 12:55

O Sindicato de Oficios Varios da CNT de Ferrol quere expresar as súas condolencias coa familia e compañeiros de Gerardo Huergo de Lera, falecido onte nun accidente laboral en Navantia Fene, cando traballaba na reparación do gaseiro “Florida Voyager” contratado pola empresa auxiliar Montajes Nervión.

funda

Máis aló da dor que produce cada caso puntual, indígnanos a magnitude das cifras e o sentido das tendencias da siniestralidade laboral con resultado de morte: 608 mortes no Estado español en 2015, 28 máis que en 2014, 50 máis que en 2013...

 

Os motivos que causan eses accidentes rara vez son atribuíbeis ao persoal, senón que hai características do actual mercado laboral como a precariedade, a prolongación das xornadas laborais, dar prioridade á redución de custos por riba de calquera outra consideración... que, no caso da construción naval podemos englobar baixo o nome de sub-contratas, que constitúen a sinerxía do desastre.

 

Por isto, concordamos coas críticas que expresa o presidente do Comité de Empresa de Navantia Fene da degradación das condicións laborais nas sub-contratas, mais non compartimos a posición do devandito Comité, que na asemblea de onte insistía que non era o momento de protestar nin de ir contra a empresa, que era o momento para o loito.

Moito loito queda por diante se as condicións non cambian, se permitimos que o traballo saia á poxa á baixa, a última prioridade á hora de axustar custes será -é- a seguridade do cadro de persoal. Non podemos atopar mellor momento que estas lutuosas circunstancias, nas que deficiencias ocultas saen dolorosamente á luz, para reclamar o que debía ser reivindicación constante: contratación directa de persoal por parte de Navantia e que os servizos de prevención da empresa nai revise as condicións nas auxiliares, mentres perdure a sub-contratación.

 

Lembramos tamén o xa perdido costume nas construtoras navais da comarca que, nestes casos de morte dun ou unha compañeira, en vez de parar dous días seguidos por loito, destinaban o xornal do día á familia da falecida.

 

Hoxe é momento de dor, sempre é momento de loita. Que a terra che sexa leve, Gerardo.