Prensa obreira

Concentración hoxe ás 20:00 h en solidariedade cos refuxiados .

Hoxe, mércores 16, ás 20:00 horas diante do edificio de usos múltiples da Xunta da praza Camilo José Cela, o sindicato de oficios varios de Ferrol participará na concentración en contra do acordo entre a UE e Turquía para a devolución de refuxiados. Convocamos a toda a cidadanía a que asista con nós nesta convocatoria.

Non á blindaxe de Europa, si a solidariedade da clase traballadora.

O Sindicato de Oficios Varios da CNT de Ferrol expresa a súa repulsa ao acordo entre a UE e Turquía para a expulsión dos demandantes de asilo chegados a territorio da UE e o seu total rexeitamento á política mantida polo Estado español e a Unión Europea coas persoas inmigrantes, tanto por motivos económicos como de seguridade.

Levamos anos presenciando como os desprazados polos desequilibrios inherentes ao sistema capitalista e as vítimas das nosas exportacións de armas e os experimentos de exportación de lendarias transicións de sistemas políticos morren no intento de alcanzar o territorio europeo. Escoitamos, atónitos, como o fogo de pelotas de goma e botes de fume na praia do Tarajal era a simbólica representación -a título simplemente de referencia- dos sagrados límites diso que chaman patria. O resultado, o habitual, dor e morte.

Ultima cena

Vimos, emocionados, a alegría dos superviventes, pese á hipotermia ou as lesións, cando pisan o chan europeo e soubemos das malleiras, gaseamentos, indefensión, saqueo (tanto polas mafias como por autoridades fronteirizas) e expulsións que viñeron a continuación.

Con noxo, presenciamos como os que saquearon o Estado do Benestar que sustentaba o sono europeo o utilizan de argumento para pechar as fronteiras. A xenofobia das concertinas da razóns e folgos ao dos bates de béisbol e a gasolina e así, dito sono europeo debátese entre a modorra das administracións no tocante a cumprir as súas obrigas cos demandantes de asilo e o pesadelo das hordas neonazis exercendo impunemente a violencia contra eles. O seguro fogar europeo, unha fortaleza pechada ao exterior, coa besta fascista medrando e afiando os dentes no seu seo.

Racismo e mafias é a colleita que nos espera despois de que a semente da inhumanidade e a indiferenza sexa aboada por tanto corpo morto.

Brincadeiras do destino que sexa no berce da nosa civilización, nun punto asociado por milenios ao amor e á poesía onde conflúan o fin da esperanza dun modelo de Europa de paz e solidariedade e o de tantos proxectos de futuro, Lesbos da morte e a inxustiza, Léucade onde Europa se suicida. Paradoxo do destino, tamén, que sexan os que durante séculos tiveron que pagar tributo humano ao imperio otomano os que agora esixen mercadear cos turcos pagándolles por levarse aos coitados que chaman ás súas portas. Destino cruel e cabrón, sen paliativos, que sexan os que máis esbardallan sobre a orixe cristiá de Europa quen promova esta ignominia, como o noso presidente en funcións, que asinará un acordo que incumpre as nosas obrigas internacionais e que foi denunciado pola mesma ONU como ilegal, sen ter nin a confianza nin o respaldo do Parlamento, teórica base do noso sistema.

Namentres, o tamén en funcións ministro de exteriores di que a medida para retornar aos inmigrantes irregulares que cheguen ás illas gregas procedentes de Turquía debe ser "temporal y extraordinaria", temporal e extraordinaria como a vida humana, ese excepcional prodixio ás veces transmutado en inmundicia que emporca para uns as nosas costas e fronteiras, para nós as nosas institucións.

E, porque un mundo con fronteiras nos fai a todos estranxeiros e porque cremos na fraternidade da clase traballadora, nós que temos máis en común cos que sofren e morren que cos fabricantes de armas, banqueiros, fanáticos e tiranos que os impulsan a vir; nós, a quen tocará pagar a conta, sexa de caldo ou de balas, temos unha mensaxe clara que enviar:

Viva o internacionalismo obreiro: benvidos, benvidas, refuxiadas; benvidos, benvidas inmigrantes.