Prensa obreira

Solidariedade con FJMR. Acude á concentración no xulgado, o vindeiro luns.

O SOV da CNT de Ferrol quere expresar o seu apoio a FJMR, militante da CIG e coñecido activista social da cidade, que será xulgado o vindeiro luns 14 por feitos acontecidos durante a folga xeral do 29 de marzo de 2012.

Folga 29 Marzo 2012Ese día, na multitudinaria manifestación convocada pola CIG e ao paso dos manifestantes polo centro de Ferrol, un coche arrancou bruscamente, levando por diante a unha delas, que resultou ferida. A acción do condutor, que puido provocar unha auténtica masacre nunha rúa chea de persoas de todas as idades, motivou unha espontánea e airada reacción entre aquelas que foron quen de sobrepoñerse á sorpresa e ao medo.

As imprecacións e algúns golpes da masa contra a que turrara lograron deter e mesmo facer recuar o vehículo agresor. A moza atropelada foi atendida das súas lesións, a manifestación rematou sen máis incidentes, quen xa chegara á praza de Armas informouse do acontecido por radio macuto e quen máis e quen menos esperaba que habería denuncia contra o automobilista e que lle caería unha boa condena pola súa salvaxe conduta.

Namentres, FJMR -que fora detido nunha folga anterior- foi identificado por membros da policía local de Ferrol, cando xa coche, agredida e manifestantes (o propio FJMR entre eles) abandonaran o lugar dos feitos.

O 28 de setembro do pasado ano, a muller atropelada, o condutor e FJMR foron citados no Xulgado para a vista do sucedido. Días antes, foi convocado a unha reunión entre as partes para chegar a un acordo prexudicial, no máis amplo significado do termo. FJMR decidiu non acudir a este acordo, no que a agresión do condutor resultou ser imprudencia, a agresión contra este foi tal e motivada pola bandeira de España que levaba no coche, a aseguradora poñía os cartos e aquí paz e despois gloria.

Por iso, os que acudimos a apoiar a FJMR no xuízo atopámonos, non soamente que este non comparecía, senón que o xuízo se adiaba unicamente no que a el concernía, que o prexudicial acordo saía adiante, aceptando a muller atropelada pagar a parte que lle correspondía dos danos ao coche que a atropelou, pasando o agresor a ser considerado agredido e recibindo da súa compañía de seguros a parte da indemnización correspondente á vítima que esta accedeu a pagar como causante dos danos no vehículo.

Así, en sede xudicial argallouse que a brutal agresión a unha manifestación convocada legalmente se saldase cunha retirada de carné e unha pena conmutada por días-multa, ao aceptar que fose xulgado como imprudencia. Imprudencia é levar tacóns e que se vaia o pedal, arrancar o coche e turrar contra unha masa de xente, por présa que teñas e por máis que teñas asimilado as mensaxes antisindicais, antiobreiras e antifolga, evidencia un evidente ánimo de lesionar e, probabelmente, un agravante de odio ao delito de lesións ou de homicidio en grao de tentativa cometido.

Como vemos, o prexudicial acordo fraco favor lle fixo a FJMR, acusado agora de algo que xa se aceptou como agresión e ao conxunto da clase obreira ferrolá, que agora poderá ser atropelada, como se dun videoxogo se tratase, coa simple condición de que o agresor teña seguro.

FJMR se enfronta o luns a unha petición de dous anos e a pagar os danos sufridos polo automóbil do agresor.

A CNT acudirá á concentración convocada o vindeiro luns, 14 de marzo, na porta dos xulgados.

Se tocan a unha, tócannos a todas!

 

Esta noticia foi editada a petición do portavoz da CIG, quen nos comunica que a vítima do atropelo rexeitou a súa asesoría legal que nun primeiro momento lle ofertaran, co que o acordo coa aseguradora foi promovido por un avogado particular que a representaba.

Lamentamos o equívoco e presentamos as nosas desculpas aos compañeiros da CIG.