Prensa obreira

8 de marzo: Invisíbeis nunca máis

8 de marzoHoxe é un día de reivindicación e loita. Un día no que visibilizamos e recoñecemos aquelas que, contra vento e marea, continúan a se enfrentar ao poder como obreiras e como mulleres. Un día en que afirmamos que a realidade da muller traballadora nos deseña un mapa no cal a invisibilización, a pobreza, a discriminación e a violencia son aspectos definitorios. Un día en que recordamos que a loita da muller traballadora nin é nin pode ser unha loita secundaria.

As mulleres de clase obreira enfréntanse diariamente a unha dupla discriminación: por seren obreiras e por seren mulleres. O foso salarial alcanza niveis vergoñentos e concretízase en cousas como a menor retribución das mulleres por traballos equivalentes (como ocorre, por exemplo, na diferenza entre limpador/a e peón); infravaloración de categorías tradicionalmente femininas (camareiras de piso, pasadoras de ferro, coidadoras, etc) ou diferenzas salariais entre sectores feminizados e masculinizados.

Esta discriminación tamén se materializa en aspectos relacionados co acceso ao emprego, á promoción ou á formación: estabelecemento de criterios de selección falsamente obxectivos (por exemplo, esixir un título de automoción para traballar nunha cadea de montaxe); criterios baseados na disponibilidade horaria ou, o que é peor e máis habitual, ausencia de criterios de selección, que permite á empresa contratar de forma sexista sen máis explicación; eliminación de determinados beneficios para categorías con sobrerrepresentación feminina (como pluses, cobertura de vacantes ou transformación de contratos temporais en indefinidos); estabelecemento de cursos de formación fóra da xornada laboral, etc.

A isto hai que sumar que os contratos temporais en activades de carácter permanente, os falsos contratos parciais con xornadas extenuantes ou os traballos por horas, sen cotización ou sen contrato, afectan maioritariamente as mulleres. Todo iso debe ser entendido en base a que a inmensa maioría dos coidados informais e formais son levados a cabo por mulleres e esas tarefas, fundamentais para o mantemento da sociedade, están profundamente infravaloradas. A este respecto, a última reforma laboral supuxo unha volta de porca máis ao levar a cabo unha regresión no referente á restrición da posibilidade de redución de xornada, á desresponsabilización das empresas na implementación de medidas pola igualdade e a eliminación de facto de calquera indicio de corresponsabilización entre homes e mulleres.

A conciliación enténdese como un dereito, non como unha obriga. Quer dicer, non se pode obrigar legalmente a un home a partillar as tarefas domésticas e que, por tanto, iso afecte á súa situación laboral, do mesmo xeito que non se pode obrigar a unha muller. A diferenza é que as mulleres están obrigadas como consecuencia da división de tarefas nun sistema patriarcal, que é moito máis implacábel do que a lei.

Para rematar a faena, a paralización da Lei de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, coa súa consecuente eliminación da cotización á Seguranza Social dos coidados familiares, supón non só a confirmación de as persoas dependentes non seren consideradas suxeitos de dereitos mais que, alén diso, esa perda de dereitos debe ser estendida ás persoas coidadoras: que se verán aínda máis isoladas, máis empobrecidas e máis dependentes dos ingresos de terceiros.

Cando as tarefas domésticas son realizadas de forma remunerada, a situación (mellorada coa entrada en vigor do Real Decreto 1620/2011) continúa a ser dantesca. As Empregadas Domésticas son un sector que, pura e simplemente, non ten recoñecidos os Dereitos Fundamentais que marca a Constitución Española e que está fóra do Estatuto dos traballadores: poden ter o deber de pernoitar no seu posto de traballo, alén das 40 horas semanais, poden ter a obrigación de ficar á disposición 20 horas semanais máis (sen contar as horas extra); non teñen dereito a prestacións por desemprego; o seu despedimento é máis barato e cabe o mero disentimento; non teñen dereito á xubilación anticipada nin parcial; a posibilidade de inspección é limitada; a nulidade do despedimento nunca implica a readmisión e a xurisprudencia taxa a indemnización en caso de despedimento nulo ao equivalente a un despedimento improcedente no Estatuto dos Traballadores.

A muller traballadora enfréntase diariamente non só a estas situacións mais tamén ao feito de esas inxustizas estaren normalizadas nunha sociedade machista. Esta normalización da desigualdade é causa da feminización da pobreza, limita que as mulleres poidan enfrentarse á violencia de xénero e dificulta, de forma directa, a participación da muller nas loitas sindicais. A loita da muller traballadora vese habitualmente ignorada, menosprezada e até ridiculizada.

Para a CNT, é a Clase Obreira autoorganizada quen é capaz de analizar, comprender e reverter esas situacións nunha loita que, por se obreira e libertaria, é necesariamente antipatriarcal. Por todo iso, neste 8 de marzo, os traballadores e traballadoras da CNT volvemos afirmar alto e claro que non, que non hai loitas de segunda, hai oprimidas de segunda e que, por iso, continuaremos enfrentándonos á invisibilización, á pobreza, á discriminación e á violencia.

Viva o oito de marzo

Viva a loita da muller traballadora

Secretariado Permanente do Comité Confederal