Prensa obreira

Precariedade no GES de A Guarda

Logo GESA sección de sindical de CNT no Grupo de Emerxencias Supramunicipal do Concello de A Guarda ven de presentar un novo informe no Concello sobre as múltiples carencias respecto de medios e material de seguridade necesario para desenvolver o seu labor.

Estas deficiencias de medios e material básico de prevención e seguridade veñen sendo comunicadas polos traballadores/as do GES ao Concello de A Guarda ao longo dos últimos anos, facendo os responsables do Concello caso omiso ás peticións dos seus traballadores/as, da propia normativa ao respecto, do convenio marco coa Xunta e das propias resolucións do Concello de A Guarda .

Actualmente o Concello de A Guarda só facilita un EPI mínimo (chaqueta e cubrepantalón) co que os traballadores deben facer fronte a distintos tipos de emerxencia, podendo incluso correr grandes riscos como os propios GES aseguran “se nunha intervención manchamos o traxe de substancias inflamables e posteriormente temos que atender un incendio..., aparte de ser xa pouco axeitado en incendios forestais pola súa falta de mobilidade e gran capacidade de retención de calor”.

Así, desde os GES solicítase distintos materiais básicos en materia de prevención e seguridade para cubrir as deficiencias actuais en rescates en medio acuático, para intervencións de apicultura, para emerxencias e rescates en altura, intervencións en elementos con tensión eléctrica, para atención de accidentes de tráfico, incendios urbanos, industriais e forestais, e outros como sistemas de comunicación, mangueiraxe, taboleiros espiñal, motoserra, radial,... Reflexa tamén o informe presentado ao Concello a necesidade de dispoñer dun parque de vehículos terrestres ben equipados, e dunha embarcación para a busca e salvamento en medio acuático.

Segundo fontes do sindicato CNT “é incrible e intolerable” ter aos traballadores e traballadoras de Emerxencias nestas condicións de precariedade, e non só pola súa propia seguridade, senón porque non dispoñer de certos medios nas intervencións pode supoñer non poder realizalas correctamente, o que se cualifica de “engano” aos veciños e veciñas dos concellos de Oia, O Rosal, Tomiño e A Guarda que están no ámbito de actuación dos GES.

 

Sección Sindical CNT
Grupo Emerxencias Supramunicipal (GES). Concello A Guarda