Prensa obreira

A CNT constitúe sección sindical no Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de A Guarda

Logo GESA CNT ven de constituír a súa Sección sindical no Grupo de Emerxencias SupraMunicipal (G.E.S.) do Concello de A Guarda (Pontevedra). Esta sección nace para ser unha ferramenta de loita das traballadoras e traballadores do centro, a través da que canalizar as demandas e reivindicacións. Estamos convencidos de que a estrutura de sección sindical é moito mais forte e eficaz que o modelo representativo, ademais de ser verdadeiramente horizontal. Todas e todos os afiliados teñen o mesmo poder na sección, sen distincións nin xerarquías. Animamos desde xa ao resto de traballadoras e traballadores tanto dos GES como do propio Concello de A Guarda a achegarse á sección, participar dela e avanzar connosco cara unhas mellores condicións laborais e materiais que repercutan tamén nunha millor atención á cidadanía.

Os GES son os Grupos de Emerxencias Supramunicipais que compoñen o dispositivo de emerxencias a nivel galego e que dan servizo a máis do 90% da poboación. Desde a súa constitución en 2013 os GES de A Guarda son un dos grupos GES máis activos con case 1000 intervencións no último ano dando servizo os concellos de Oia, O Rosal, Tomiño e A Guarda, constituíndo estes concellos a zona de actuación do grupo.


POR QUE UNHA SECCIÓN SINDICAL

A nosa implicación co servizo no Concello, despois de varios anos traballando, levounos a nos decidir a constituír una Sección Sindical. Asumindo a nosa responsabilidade como traballadores e traballadoras e como parte fundamental do servizo público de emerxencias o noso obxectivo é crear unha canle oficial para que todas as nosas suxestións de mellora repercutan en positivo e poidan ser tidas en conta por parte do Concello.
Día a día, lidamos co traballo na rúa, polo que consideramos que temos moito que aportar para mellorar as condicións nas que desenvolvemos o noso traballo. O ambiente de traballo é excelente e queremos seguir colaborando e crecendo nesa liña xa que o noso compromiso coa cidadanía á que servimos é máximo.
É por isto polo que a todos e todas as que sintades o mesmo que nós e creades que tedes moito que aportar, invitámosvos a formar parte da Sección Sindical.  

A NOSA FERRAMENTA

Na CNT organizámonos en Seccións Sindicais. Estas non nacen dun proceso electoral, senón dunha asemblea creada polas persoas que as formarán e que serán o órgano dende o que tomaremos as nosas decisións de maneira horizontal.
A Sección Sindical trata coas empresas a través dun representante elixido pola mesma asemblea cuxo fin é tratar as demandas da Sección. Esta persoa, a diferencia dos delegados do comité de empresa, non ten privilexios que o distingan do resto.
A mellor ferramenta a unha situación laboral precaria é a Sección Sindical posto que só así os nosos intereses se reivindican de maneira directa, sen intermediarios, e só así os nosos dereitos se defenden directamente. Así temos a garantía de que nunca se asinarán despedimentos, baixadas de salarios, modificacións das condicións de traballo ou calquera outro pacto sen a nosa vontade e nunca se fará unha negociación ás nosas costas. Os pactos que acade a Sección Sindical só se aplican ao persoal que forma parte dela, se ben calquera traballador ou traballadora da empresa pode adherirse a eles.
Propoñemos a organización horizontal e asemblearia a través dunha Sección Sindical forte e independente onde podamos defender os nosos dereitos laborais e ver cumpridas as nosas reivindicacións.

AS NOSAS REIVINDICACIÓNS

Desde a sección sindical de CNT aspiramos a poder mellorar as nosas condicións laborais así como a dotación de medios materiais para podamos sacar o máximo rendemento ao traballo que repercutan directamente nunha mellora do servizo público e polo tanto unha mellor atención á poboación da zona de actuación atendida polo GES de A Guarda.
Pensamos que en materia de prevención temos moito que mellorar: falta de mudas, demanda de comunicacións, fundas contra incendios, máscaras individuais, descontaminación dos traxes logo das intervencións... e demandar distinto material básico en materia de prevención para os distintos tipos de intervencións que se realizan (traballos en altura, inundacións, risco eléctrico,..)  do que nin sequera dispoñemos. Demandamos tamén que se proporcionen vehículos de extinción e embarcacións de salvamento que nos permitan que realizar o noso traballo.
Outro aspecto é o acondicionamento da Base de traballo na que se cubren turnos de 24h é que actualmente está nun estado penoso.
Por último aínda que non menos importante reivindicamos unha revisión do noso precario salario cos pluses correspondentes segundo as funcións que realizamos: nocturnidade, toxicidade, perigosidade,... en resumo, o que se correspondería á categoría laboral de bombeiro actualmente inexistente no convenio colectivo polo que nos reximos.
Pensamos que estas demandas non son esaxeradas para o persoal dun servizo público tan necesario e importante como o de emerxencias no que os traballadores e traballadoras nos xogamos a vida en moitas intervencións.

QUE É A CNT

A CNT é unha organización sindical independente que agrupa aos traballadores e traballadoras de todos os oficios, sen distincións corporativas. Á CNT pode pertencer calquera persoa traballadora, sen importar as súas ideas políticas ou crenzas relixiosas.
A CNT é un sindicato diferente: a democracia directa é o noso sinal de identidade. Todas as decisións tómanse en asemblea. Non hai dirixentes e existe plena liberdade e igualdade no intercambio de ideas, opinións e iniciativas.
A CNT asume os principios da autoxestión (non recibimos subvencións de ningún tipo), o federalismo, a solidariedade e o apoio mutuo. A nosa táctica principal é a acción directa, é dicir, a solución dos conflitos polos individuos afectados, sen intermediarios.
Loitamos polo reparto do traballo e a riqueza, contra a desigualdade económica e social, e contra a explotación laboral.

 

Contacto:

Sección Sindical CNT
Grupo Emerxencias Supramunicipal (GES). Concello A Guarda