Prensa obreira

Comunicado da CNT de Ferrol en solidariedade coa plantilla do Diario de Ferrol

Ante a situación dada a coñecer polos traballadores do Diario de Ferrol facemos un chamamento urxente en apoio á súa situación. Hoxe venres 19 farase unha concentración na praza de Armas ás 11:30.

Vinte e tres traballadores que levan tempo a sufrir os continuos enganos da empresa sobre a súa situación laboral, xa en ERTE e con retrasos nos pagos, ven ameazada agora a continuidade dos seus postos de traballo, como ben expoñen no seu comunicado:

O cadro de persoal de Diario de Ferrol vólvese ver obrigado a saír á rúa para denunciar a situación laboral que vén sufrindo nos últimos meses. Ás débedas contraídas pola empresa, Editorial La Capital, súmase desde hai meses unha dinámica perigosa e terribelmente prexudicial para os traballadores: os continuos retrasos no cobro das nóminas.

A situación, non moi diferente á doutras empresas da comarca, é sangrante tendo en conta que a totalidade do cadro de persoal de Diario de Ferrol está afectado por un expediente de regulación temporal de emprego desde o 1 de xullo de 2013. Neste tempo, e co fin de colaborar en que a empresa saíse cara adiante nunha conxuntura complicada pero temporal, os traballadores fixemos un esforzo enorme aceptando unha redución da xornada do 30%. A empresa asegurou sempre que esta medida permitiría garantir a viabilidade do grupo mentres non se pechase unha operación financeira que estaba perto de asinarse e que, aliás, permitiría resistir cando menos dous anos sen a necesidade de tomar outras medidas drásticas. Para darlle máis credibilidade perante as entidades bancarias e o Igape, que se comprometeu a avalar o 50% da operación, pedíronnos un novo esforzo: prorrogar o ERTE un ano máis. E fixémolo, mais pouco despois esa operación que estaba case feita, nas palabras da propia empresa, evaporouse.

Os 23 traballadores que formamos o plantel de Diario de Ferrol consideramos que xa fixemos dabondo e que temos que dar a coñecer a nosa situación. Somos conscientes, pois é o noso día a día, de que moitas empresas da zona están a pasar por dificultades e os seus traballadores por un auténtico calvario. Sempre nos solidarizamos con eles. O que fai grande ás empresas é, sen dúbida, a súa forza de traballo, os seus recursos humanos. E se os seus traballadores cumpren diariamente, as empresas teñen a obriga de corresponder. Neste caso noso, non o fan.

Por iso, invitámosvos a nos apoiar o vindeiro venres, día 19, nunha concentración na praza de Armas que terá lugar ás 11.30 horas.

Moitas grazas, unha aperta.