Prensa obreira

Ante as irregularidades na contratación en Zemsania e Coremain

Recentemente a CNT ven de demandar ás empresas Zemsania e Coremain por cesión ilegal de traballadores e por fraude na contratación.

A maior parte dos contratos que realizan estas empresas supoñen unha vulneración dos nosos dereitos laborais, pois estes acóllense á modalidade de contratos por obra ou servizo cando na realidade son contratos indefinidos. Os contratos de obra ou servizo só poden realizarse cando se trate de traballos concretos determinados con autonomía e substantividade propia dentro da actividade da empresa, polo que non poden realizarse para cubrir a actividade normal e permanente da empresa. Sen embargo nós realizamos traballos en diversos proxectos de maneira permanente. Polo tanto, estes contratos por obra ou servizo deben converterse en indefinidos.

Ao mesmo tempo Zemsania e Coremain incorren en cesión ilegal, posto que os contratos por obra ou servizo que Zemsania realiza para traballar en Coremain limítanse á posta a disposición dos traballadores da empresa cedente, Zemsania, á cesionaria, Coremain, como se evidencia polo feito de desenvolvermos todas as actividades do noso traballo nas oficinas de Coremain, recibimos ordes de Coremain e usa o material proporcionado por estes. No caso de declararse a existencia da cesión ilegal, corresponde integrarnos como persoal indefinido na plantilla da empresa da nosa elección.

Esta situación que describimos debe ser denunciada. É a hora de que os traballadores e as traballadoras destas empresas cárnicas nos organicemos polos nosos dereitos laborais. Desde a CNT aportamos a nosa asesoría para informar polo miúdo sobre esta situación e sobre as posibilidades e estratexias de denuncia.