Prensa obreira

A contrarreforma da administración local

A Lei 27/2013 do 27 de decembro, de racionalización e sostibilidade da Administración Local (LRSAL) que entrou en vigor ao día seguinte da súa publicación no BOE, é dicir, o 31 de decembro do 2013 (disposición adicional sexta) vai supoñer a privatización dos servizos públicos municipais.

Segundo a literalidade da norma, os obxectivos son catro: 1) clarificar as competencias municipais para evitar duplicidades; 2) racionalizar a estrutura organizativa conforme aos principios de eficiencia, estabilidade e sostibilidade financeira; 3) garantir o control financeiro e orzamentario por parte do Estado; e 4) favorecer a iniciativa privada, evitando intervencións administrativas desproporcionadas. Isto último, é un claro aceno á colaboración público-privada, nun contexto no que as políticas neoliberais de goberno urbano son presentadas como a solución á crise económica. Trátase dun novo xiro de rosca cara á empresarialización dos gobernos locais.

Esta contrarreforma o que intenta é, baixo os principios de estabilidade presupostaria e sostibilidade financeira, favorecer á iniciativa económica privada. Así quedou reflectido en setembro de 2011 coa redacción do novo artigo 135 da Constitución española. En desenvolvemento deste precepto constitucional aprobouse a lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira, que esixe novas adaptacións da normativa básica en materia da administración local para a axeitada aplicación dos principios de estabilidade orzamentaria, sostibilidade financeira e eficiencia no uso dos recursos públicos locais. Esta lei establece a prioridade absoluta de pagamento dos intereses e capital da débeda pública fronte a calquera outro tipo de gasto (pensións, sanidade, servizos sociais, educación, nóminas dos empregados públicos...) tal e como establece o mencionado artigo da nosa Constitución, o que constitúe unha garantía rotunda para os investidores en detrimento dos dereitos máis elementais da cidadanía. Calcúlase que as privatizacións e recortes en servizos públicos municipais supoñerán, co paso do tempo, a perda de aproximadamente 200.000 postos de traballo estables e un aumento da precariedade na contratación, o que redundará nunha perda de calidade dos servizos.

Recentralización

Vaise producir con esta lei un desmantelamento da democracia dos nosos pobos e cidades, xa que supón un cambio de modelo que remata co municipalismo, pois supón a volta á tutelaxe sobre os concellos. Os concellos deixarán de ser institucións autónomas de goberno local, para ser meros xestores do que ditan outros. Esta recentralización é contraria a unha democracia avanzada, descentralizada e próxima á cidadanía. Esta lei deseña mecanismos de fiscalización que na práctica se traducen no traspaso de competencias municipais ás deputacións provinciais e ás comunidades autónomas. Así a reforma introduce o artigo 92 bis, que reconfigura o papel dos funcionarios da Administración Local con habilitación de carácter nacional (secretario, interventor-tesoureiro, e secretario-interventor), asemellándoos aos antigos corpos de Inspección e Asesoramento creado polo artigo 354 do Decreto 24 de xuño de 1955, e que foi declarado inconstitucional pola STC 4/1981.

Recorda esta regulación ao Estatuto municipal de Calvo Sotelo durante a ditadura de Primo de Rivera, xa que a actual intervención das entidades locais pode mesmo realizarse á marxe dos órganos de representación e administración do municipio, sen necesidade sequera de que haxa un coñecemento do pleno do concello e coloca a intervención municipal nun plano xerarquicamente superior á alcaldía. Ademais refórzase o papel das Xuntas de Goberno Locais en detrimento dos Plenos dos concellos.

Desamortización dos bens comunais

Esta contrarreforma parte dunha hipótese errónea e interesada fundada na idea de que as administracións locais de menor tamaño son as máis endebedadas e polo tanto, as que peor xestionan os seus recursos. Abonda con botar unha ollada ás cifras de débeda de 2012 para deducir xusto o contrario. Os municipios de 20.000 habitantes ou menos supoñía só o 18% do total da débeda mentres que os seis municipios con poboación maior a 500.000 habitantes agrupaban o 36% desta. Ademais as entidades de menos de 20.000 habitantes son as que realizan un menor gasto por habitante/servizo e, o que é máis interesante, as que teñen unha débeda per cápita máis baixa (inferior á metade da débeda das grandes cidades)1 . Así falseando os datos atácase ás Entidades Locais Menores (ELM), que son as que están xestionadas directamente polos cidadáns e que tiñan un merecido recoñecemento na Lei de bases de 1985.

Detrás disto hai un interese na alienación dos bens comunais dependentes destas ELM e que ata a data eran xestionados directamente polos veciños: un verdadeiro espolio aos veciños en beneficio duns intereses privados voitres. Isto fai que xa se fale dunha nova desamortización dos bens comunais. Hai que recordar que aproximadamente o 9% do territorio estatal é aínda propiedade común. De acordo con esta lei, as administracións terán que xestionar estes bens con criterios de eficiencia e racionalidade económica, o que supoñerá a súa posta no mercado, proporcionando o acceso das empresas a recursos hidráulicos, mineiros, forestais, etc deixando sen esta riqueza comunal aos concellos e xuntas veciñais que ata agora se encargaran da súa xestión.

Dende a CNT consideramos esta contrarreforma totalmente oposta ao que debería ser un unha democracia municipalista real, entendida como o autogoberno dunha comunidade na que os cidadáns teñan a capacidade de reunirse e escoitarse sen máis mediacións que a palabra de cada quen, promovendo a axuda mutua e o esforzo e servizo desinteresados dos integrantes da comunidade. Non en van, ata fai ben pouco quedaban inmensas cantidades de recursos comúns: bosques, pastos, terras de labor, augas de regadío... que, non sendo propiedade do Estado nin tampouco de persoas privadas, requirían da xestión directa das comunidades que as aproveitaban.

_____________________________________

1 Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, Facendas Locais en Cifras. Ano 2011