Prensa obreira

O premeditado desmantelamento da administración pública galega

O goberno da Xunta de Galicia está a implementar unha serie de medidas que xa  supoñen, a día de hoxe, un cambio radical na nosa administración. Un primeiro momento foi alá por decembro do 2010 coa aprobación polo parlamento galego da LOFAXGA á que seguiron outras: o decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, a lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, ou o borrador da nova lei da función pública de Galicia, que substituirá á pronto defunta lei 1/2008 e que fará que sexa máis discrecional a forma de provisión de postos a través do concurso de traslados.

Coa LOFAXGA -Lei 16/2010 de organización e funcionamento da administración xeral e o sector público autonómico de Galicia- se pretende dar formato á montaxe das administracións paralelas por parte da Xunta. Esta lei dota ás consellerías de ferramentas "ad hoc", que están a servir de refuxio dunha morea de intereses particulares e partidistas. O tan citado interese xeral vese ninguneado por moitos empregados públicos fóra do control da legalidade esixida no acceso ao emprego público e que está claramente definido no EBEP, na lei de Función Pública de Galicia, no V Convenio Colectivo para o persoal laboral e na mesma Constitución Española. Ademáis, co decreto de integración 129/2012, a Xunta está disposta a asumir como traballadores propios aos contratados como persoal laboral fixo nos seus entes instrumentais, se estes cambian de denominación ou desaparecen, e que foron contratados, en moitos casos, sen considerar os criterios de igualdade, mérito e capacidade que sí se esixiron para contratar á gran maioría dos empregados públicos ata agora. Xa Función Pública lle podía facer pasar a este persoal, en moitos casos clientelar, polas probas que a maioría dos/as empregados/as públicos/as tiveron que superar para ingresar na administración e así servir o mellor posible ao cidadán ou mesmo as que se están a elaborar para a promoción interna do persoal funcionario e que probablemente se convocarán antes de que remate o presente ano.

Unha das explicacións de que sexa a propia Xunta de Galicia a que, en atención a acadar os logros de eficiencia e eficacia -que malamente intenta poñer en práctica coa lei 14/2013, de 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico-, estea a desmantelar a súa estrutura administrativa, é a de dar negocio ás empresas privadas que moitas veces financian aos partidos que lles conceden os contratos cando están no goberno, sexan dunha cor ou doutra, xa que a lei de contratos do sector público 2/2011 se aplica dunha maneira moito máis lasa a estes entes que se están a crear, que se é a propia administración a que contrata directamente. Ademais, hai que ter en conta que o control que facían ata agora os órganos de intervención se suple, en moitos casos, por un control financeiro a posteriori, unha vez que o gasto xa está realizado e o diñeiro xa saiu das arcas públicas. Despois, con sorte, poida que veña o Consello de Contas a tirar un pouquiño das orellas.

A LOFAXGA recoñece que temos unha administración inoperante que é incapaz de facerlle fronte á realidade social, económica e cultural de Galicia por ter unha estrutura anquilosada e excesivamente burocratizada. Ante esta realidade, o goberno de Galicia prefire darlle forma de estrutura legal a unha administración paralela fóra dos controis legais que había ata agora. A LOFAXGA é, polo tanto,  unha oportunidade perdida con “nocturnidade e alevosía” para poñer orde dentro do sector público en Galicia.

Esta lei non elimina a enorme cantidade de entes públicos instrumentais, senón que os convirte na tónica xeral da administración. Ademáis, a LOFAXGA ten  consecuencias evidentes coma a desregulamentación dos sistemas de acceso á Administración autonómica a través da dispersión dos órganos convocantes. A contratación de persoal queda ao criterio de cada ente convocante, ao igual que a elaboración das súas propias listas de contratación, e establécese o contrato laboral temporal como forma ordinaria de contratación do persoal. Os novos entes regulados na LOFAXGA son considerados "medios propios", de maneira que a Xunta pode desenvolver calquera das súas competencias a través destes, prescindindo de unidades administrativas e de direccións xerais, podendo baleirar de contido e de persoal consellerías enteiras. Estas axencias estanse a crear coa achega de recursos humanos das extintas unidades administrativas.

A LOFAXGA deseña unha administración que baleira de contido o que se veu a entender ata de agora como administración pública. Fomenta un sistema perverso no que a administración vai quedar reducida á súa mínima expresión, rodeada dunha chea de entidades con moi pouco control e que van ir paulatinamente asumindo as funcións e prestacións da propia administración. Unha administración na que os órganos directivos van ser substituídos por axencias ou organismos autónomos ou calquera dos outros entes instrumentais que prevé a propia lei.

A fuxida do dereito público, a opacidade nas contratacións, a asignación de recursos públicos sen un verdadeiro control, entre outros, só poden configurar un escenario posible que se vén anunciando dende hai un tempo: a máis que desexada por algúns amigos do axeno da PRIVATIZACIÓN DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA.

Dende a CNT consideramos esta situación que se está a dar na nosa administración autonómica e na do resto do estado español de alarma social e máis nun momento no que se podería crear emprego público de calidade para suplir a pouca creación de emprego, e enriba precario, que se está a dar no sector privado.