Prensa obreira

Unha nova negativa do Estado á devolución de documentos roubados polo fascismo

O pasado 12 de xuño, Raúl Solleiro Mella, neto do anarquista Ricardo Mella, recibía de parte do Estado español unha nova negativa á devolución dos documentos roubados á súa nai Urania Mella cando esta fora detida polas forzas franquistas en 1936. Entre estes documentos constan varios textos orixinais do seu avó, como Sindicalismo y anarquismo ou En defensa del anarquismo. Lucha de clases, textos de grande valor non só sentimental para a familia, senón tamén de grande valor histórico para o propio anarquismo e toda a sociedade.

Neste caso, a pesar de existir unha sentencia previa do goberno español que declara ilegal a causa franquista pola que Urania foi detida e os documentos incautados, é o Ministerio de Defensa, a través do Tribunal Militar Territorial Cuarto de A Coruña, quen nega a devolución á familia dos mesmos, alegando que se trata de "patrimonio documental" do exército e escudándose na populista e chea de carencias Lei de Memoria Histórica aprobada polo anterior goberno do PSOE, que contempla tan só o acceso á consulta e copia dos documentos, mais non a súa devolución ás persoas ás que lles foron roubados.

Como anarcosindicalistas, dende a CNT Galiza e o seu GTMH, sempre estivemos e estaremos en contra da impunidade do franquismo, que segue a ser unha realidade por moitos lavados de cara que tenten acumular os gobernos de quenda para ocultar o seu continuísmo. Un dos piares nos que asentan a impunidade e o continuísmo é a negativa de acceso á información relativa aos crimes franquistas; pese a ser un acceso contemplado e obrigado pola lexislación estatal e internacional vixente, é unha realidade a negativa ao mesmo coa que topamos a diario familiares de represaliadxs, investigadorxs e calquera persoa interesada en saber máis do que o franquismo fixo con quen lle levou a contraria. Á negativa ao acceso á documentación xerada pola ditadura súmase a negativa á devolución de documentos que nunca lle pertenceron, senón que foron roubados pola mesma, amosando unha vez máis a conivencia do actual sistema político cos criminais.

Por todo isto, queremos amosar a nosa solidariedade e apoio á familia Mella, igual que sempre fixemos e faremos con todas aquelas persoas represaliadas e as súas achegadas que reivindican a devolución do que lles foi roubado por fascistas e o recoñecemento das distintas agresións sufridas a mans súas. Tamén manifestamos a nosa repulsa a esta continua actitude do Estado, ao seu agocho tras a súa sucia Lei de Amnistía que lle permite non acatar a lexislación internacional en materia de dereitos humanos, reparación e xustiza, así como manter vivos día tras día o fascismo e a súa represión. A loita contra a continuidade do fascismo e pola devolución do roubado a persoas e organizacións é unha loita de todos e todas e non a imos abandonar.

GTMH de CNT Galiza