Prensa obreira

Homenaxe a Secundino Bugallo e Francisco Arca

O pasado martes 13 de agosto celebrouse un acto en homenaxe aos dous compañeiros da CNT Secundino Bugallo Iglesias e Francisco Arca Valiñas, asasinados por fascistas en Ponte do Barco (Pedre, Cerdedo) a noite de 13 de agosto de 1936, e a tódalas vítimas da represión fascista na comarca da Terra de Montes. O acto foi organizado, un ano máis, pola Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes "Verbo Xido" e por familiares dos compañeiros.

Esta homenaxe vense celebrando dende 2006 ante un monolito cunha placa conmemorativa que xa foi destruída (mal)intencionadamente dende entón en catro ocasións. Nesta ocasión, inaugurouse unha quinta placa doada pola familia de Secundino, ante a que tiveron lugar unha ofrenda floral e as intervencións do presidente de Verbo Xido e do neto e o tataraneto de Secundino, que manifestaron a súa firme decisión de continuar reivindicando de xeito incansable a memoria dos seus familiares e veciños a pesares dos impedimentos e boicots.

Dende o GTMH, quixemos estar alí representando á CNT, para compartir coas familias dos compañeiros e con membros doutros colectivos adicados á recuperación da memoria histórica unha sincera lembranza de Secundino, Francisco e o resto de vítimas do fascismo na Terra de Montes, e amosar que a CNT segue a ser unha organización viva e comprometida coa reivindicación dunha historia do noso pasado sen silencios, que non esquece aos compañeiros e compañeiras que loitaron por construír un mundo que hoxe aínda seguimos buscando nin tampouco esquece os crimes dos que foron vítimas nin a quen os cometeu.