Prensa obreira

A CNT presenta a súa denuncia contra o xenocidio franquista

Memoria históricaA Confederación Nacional do Traballo presenta publicamente a denuncia que aportou o pasado mes de decembro á causa que se tramita nos xulgados arxentinos e que pretende axuizar o xenocidio cometido polo réxime dende 1936 ata 1977. Deste xeito, a CNT-AIT súmase ás accións emprendidas por parte de familiares de asasinados e desaparecidos, asociacións de recuperación da memoria histórica e demais entidades persoadas no procedemento.

    A CNT pretende así sacar á luz a represión sufrida pola organización e o Movemento Libertario dende o golpe militar do 18 de xullo de 1936 ata a promulgación da lei de amnistía de 1977, unha lei que pretende pasar páxina aos máis de 40 anos dun réxime instaurado pola forza e baseado na violencia física e social. O seu máximo dirixente e executor, o xeneral Francisco Franco, contou para isto coa colaboración de diferentes sectores militares, financeiros, políticos e eclesiásticos católicos, todos eles implicados na autoría e dirección do golpe.

    Persoada como denunciante, a central anarcosindicalista aporta milleiros de nomes dos seus militantes represaliados polo franquismo, testificacións e declaracións de testemuñas presenciais e superviventes, así como documentación relativa ao espolio e incautación de bens mobles, inmobles e contas bancarias pertencentes á CNT.

    Nos actos que se convocan (rolda de prensa e acto público) participarán o Secretario Xeral da CNT, o Presidente da Fundación Anselmo Lorenzo e o Coordinador do Grupo de Traballo de Memoria Histórica-CNT. Ademais, contarase coa presencia de tres compañeir@s que sufriron directamente a represión e que prestarán os seus testemuños como memoria viva da loita anarcosindicalista: Félix Padín, Antonio Amate e Aurora Tejerina.

    Félix Padin, que loitou nos batallóns Isaac Puente e Durruti da CNT de Euskadi, pasou longos anos en cárceres, campos de concentración e batallóns disciplinarios, nos que resistiu ás enfermidades, á fame e ás malleiras continuas. A pesares disto, continúa loitando aos seus noventa e moitos anos.

    Antonio Amate, xornaleiro de Sanlúcar de Barrameda, contaba con 13 anos cando se produciu o golpe militar. O seu pai e o seu tío, destacados membros da CNT, son arrestados e fusilados en outubro de 1936, tendo que vivir o illamento imposto polos fascistas ás familias de quen destacara sindical ou politicamente. Antonio sempre foi un loitador, participando activamente nas folgas e mobilizacións, primeiro durante a clandestinidade e logo na reconstitución da CNT na súa localidade durante a transición.

    Aurora Tejerina é filla do anarquista leonés Laurentino Tejerina. Aurora nace en Francia en 1929, onde a súa familia tivera que exiliarse durante a ditadura de Primo de Rivera. Volve a España ao proclamarse a II República coa súa familia e permanece en León ata 1947, ano en que se exilia de novo a Francia.

    A CNT proclama pública e enerxicamente, fronte a un esquecemento cómplice, o seu desexo e interese por poñer de manifesto e difundir o desastre que supuxo a instauración do franquismo, así como os esgazadores impactos que xerou á organización confederal ser carnada preferente da acción represiva de dito réxime totalitario durante decenios. Un balance obxectivo do relatado, transcorridos xa case tres cuartos de século do golpe militar e unha vez consultada a numerosa bibliografía especializada sobre a Guerra Civil española, arroxa as seguintes e dramáticas cifras, algunhas delas baseadas incluso en fontes oficiais do goberno franquista: 50.000 fusilados, 73.000  asasinados en retagarda, 30.000  desaparecidos, 500.000 internos en campos de concentración, 10.000  falecidos en campos de concentración, 300.000  encarcerados e un número indeterminado de violacións, raptos e roubo de nenos.

    Os indutores e responsables directos do golpe planearon con detalle non só o push militar, senón unha verdadeira estratexia de terror que ficou plasmada en diferentes documentos ideolóxicos, estratéxicos e tácticos que a CNT cita na súa denuncia. Na mesma, expóñense datos substanciais corroborados tanto oral como  documentalmente  por  parte  de investigadores da propia CNT-AIT, profesores universitarios e publicacións ao efecto realizadas por grupos de investigación de memoria histórica, nas que se barallaron documentos  oficiais,  declaracións  persoais e informacións procedentes  de represaliados e familiares, que moitas veces nin constan no corpus legal nin nos rexistros da propia administración.

    A CNT-AIT, como organización sindical emblemática dentro da clase obreira española no momento do golpe militar e predominante no espectro laboral en moitas provincias, contaba con cerca de 1.700.000 afiliados, cifra que logo durante o conflito civil medrou coa suma de novos adherentes. Dita posición, sumada aos seus tradicionais enfoques de defensa do traballador, do desfavorecido, do apoio mutuo e do internacionalismo, determinou seres obxecto dun ataque selectivo e deliberado por parte dos grupos máis reaccionarios procedentes do estamento político, militar ou relixioso, tendo continuidade dita actuación ata incluso concluída a denominada “transición política” ao actual modelo de monarquía parlamentaria, nos anos oitenta do século precedente.

    Compre dicir con orgullo e tristura que unha boa parte das cifras indicadas está nutrida con membros da CNT-AIT, que a propia organización estima nunha cifra non inferior a un terzo  dos  fusilados,  asasinados,  desaparecidos, prisioneiros e encarcerados polo réxime franquista. As dificultades, pasadas e actuais, no acceso ás fontes de información relativas á represión do réxime franquista, xunto ao desinterese e indolencia, cando non desidia, do Estado español en afrontar un proceso de memoria histórica que reivindique o recoñecemento e bo nome de tódolos represaliados, preséntase como unha labor urxente a realizar.

    A CNT trata agora de intensificar as accións para conseguilo promovendo a maior difusión posible acerca da represión durante o franquismo, de xeito que as xeracións futuras poidan rexeitar ese tipo de enfoques de barbarie. A Confederación pretende estudar en profundidade e poñer de relevo os impactos da represión franquista, ata agora nada ben coñecidos na súa integridade, recuperar a  verdadeira  memoria  de  todos  os  que  deron  o seu  esforzo  e a súa  vida  pola  liberdade, impedir a terxiversación da historia real, recuperar o bo nome dunhas vítimas esquecidas,  moitas veces anónimas, e destacar o  exemplo  desinteresado  de  tódolos confederais e libertarios en xeral que se opuxeron á ditadura. Os nosos  obxectivos  non  poden  ser  outros  que  romper  o  medo  que  aínda  se atopa  asentado  na  sociedade  española  en  relación  coa  memoria  histórica, quebrar os múltiples obstáculos que dende a administración se poñen á investigación nesta  temática e difundir entre a poboación, especialmente entre as novas xeracións, o magnífico e xeneroso esforzo que realizaron aqueles e aquelas que loitaron por un futuro libre de tiranías.

 --

Día 13 de marzo de 2013
Lugar: Ateneo de Madrid, Sala Úbeda, 4ª planta.
12.00 horas. Rolda de prensa. Presentación da denuncia da CNT no proceso contra o franquismo iniciado na Arxentina.
19.00 horas. Charla-coloquio. Pola recuperación da memoria anarcosindicalista. Testemuños e vivencias de compañeir@s represaliados polo franquismo.