cnt cnt

Proxectos S.L. O discreto encanto da burguesia galega

Ferrol. 23 Xullo, 2010 - 13:21

Trátase dunha tomadura de pelo tal ós traballadores que ben paga a pena ver de botar algo de leña ó asunto e, cando menos deixar constancia publicamente, xa que como todos sabemos, na CNT non estamos pra lle salvar o cu a ninguén, estamos pra reaccionar solidariamente como clase que somos en axuda de quen seña consciente desta realidade e dea o paso de loitar polo seu.

A empresa ten delegacións en tres cidades : A Coruña, Compostela e Ferrol e entre os tres centros de traballo hai máis de cuarenta compañeiros nunha situación de abuso tal que non se entende a que andan a agardar pra reaccionar colectivamente.

Levan dous meses sen cobrar o seu salario e a empresa di que non pode comezar a pagar ate quizais o outono e a recuperar atrasos a partir de xaneiro, se lle cadra. O empresario, manirroto que é el, ofrécelles a posibilidade de despedilos, sen pagarlles un peso, iso si pretendendo que asinen o finiquito como se así o fixera e coa promesa de seren readmitidos cando melloren as cousas, é dicir, que lle cubramos todos as súas débedas con carto público.

Ben, pois nesta tesitura, unha compañeira do sindicato decidiu que precisaba dunha man.

Tivemos unha charla cun dos socios da empresa, víñanos de progre, de sindicalista dun deses aparatos pseudo-sindicais como pode ser... pois a CIG, por poñer un exemplo (non vos sorprenderá?). Algo de verdade debía ser pois desinformado de todo non estaba, en canto lle lembramos que a CNT, ademais dunhas siglas é unha maneira de traballar digamos que... convincente (chamémoslle acción directa), comprendeu perfectamente que o máis intelixente para el era pagarlle o que lle debía á nosa compañeira e deixarse de lerias, tío listo.

Para todos aqueles que tragan co conto de que non hai cartos, velaí unha proba de que habelos, habíaos, sempre os hai, estes sempre manteñen o seu tren de vida, que é o único que lles importa.

Ir choiar un día e outro pola cara? Por lle manter a súa empresa a el? Esa empresa que lle permite forrarse mentres a nós nos dá o mínimo legal? Dese mínimo non se baixa,  chegamos con séculos de loita e agora estámonos a deixar roubar cada vez máis apresa e doadamente por parvos, por tragar con burradas coma esta, porque cando no parlamento sacan peito pra nos meter outra reforma laboral é porque saben que a inercia é tragar. I é que todo conta e as cousas onde se amañan é no choio, na rúa e organizados no sindicato. Ninguén o vai facer por ti.

Iso nunca se pode esquecer.

Queda o chamamento riba da mesa. Se alguén o sabe recoller, pois xa sabe onde nos atopar tamén.


  Confederaci髇 Nacional do Traballo